«Temos documentos do século XVII sobre lindes de fincas que falan do camiño francés antigo»

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O historiador Javier Gómez ofrece este xoves unha conferencia aberta sobre a Vía Kúnig

13 ago 2020 . Actualizado a las 13:39 h.

Mañá, ás oito do serán no Vicerreitorado do Campus, celebrarase unha conferencia baixo o título «A guía de peregrinos de Hermann Künig de Vach. Un paseo polo Camiño Francés por Lugo», impartida polo doutor en Arqueoloxía e Historia Javier Gómez Vila, director do Proxecto Vía Künig. Nesta charla, promovida pola Asociación do IV Ciclo Universitario, vaise informar sobre quen son os impulsores deste proxecto, cales son os seus obxectivos e cal é o actual estado da investigación. Gómez Vila estará acompañado por alcaldes vinculados ao proxecto e ao final da conferencia abrirase unha quenda de preguntas sobre o tema.

O historiador lucense sinala que o acordo dos alcaldes só é para facer unha investigación e que nunca se le presentou á Xunta unha petición formal para que oficializase esta ruta. «Ten razón o Xacobeo cando di que no estado actual no se pode recoñecer, pero nós o que queremos primeiro é ter unha base científica e rigorosa».

Un grupo de sete persoas levan vinte días traballando para recompilar os primeiros documentos que testemuñan que a vía que editou o monxe alemá foi empregada durante séculos como ruta de peregrinaxe.

«Imos presentar na charla documentos dos séculos XVII e XVIII de varios arquivos sobre lindes de fincas nos que se fala do camiño francés antigo», sinalou o historiador Javier Gómez, quen afirmou que tamén se poderán ver un mapa detallado sobre un conflito de lindes no Campo de Árbore no que se delimita o citado camiño francés antigo.

Gómez Vila sinala que existen abondosas noticias que testemuñan o uso da vía para peregrinaxe desde a Idade Media e ata o século XIX, decaendo o seu uso no XX. Sobre a posibilidade de que a ruta que editou Künig desde O Cebreiro cara Lugo coincidise coa vía romana XIX ou co camiño real, o historiador sinala que os citados trazados facíanse case en liña recta coa fin de conectar no menor tempo posible as grandes cidades, mentres que unha ruta xacobeo tenta pasar por núcleos de poboación. «Neste caso hai zonas que si van paralelos ou cerca, pero noutros puntos irían máis afastados».