O Centro de Artesanía e Deseño formará de xeito gratuíto a 16 futuros artesáns

LUGO

Serán tres cursos de Iniciación á Ebanistería, Iniciación á Luthería e Iniciación á Encadernación

24 oct 2018 . Actualizado a las 19:29 h.

A deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou no Centro de Artesanía e Deseño tres cursos para a promoción de oficios tradicionais e artesanais, abertos a calquera persoa interesada. Trátase dos cursos de Iniciación á Ebanistería, Iniciación á Luthería e Iniciación á Encadernación, que se desenvolverán en 2018 e 2019.

En total, serán 16 prazas coas que se pretende formar a futuros artesáns profesionais, que poidan obter a carta de artesán e abrir unha nova porta a afeccionados, así como a futuros profesionais do sector. O prazo para as inscricións comeza este xoves 25 e manterase aberto durante 15 días (ata o 8 de novembro). A adxudicación de prazas será por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas poderán facer as súas solicitudes a través da páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.gal, premendo na área de Cultura, na que se habilitará un «banner» para facer a reserva de prazas. Para obter máis información, pódese chamar ao teléfono 982 210 066 ou en info.centrad@deputacionlugo.org.

Con estes cursos, dixo Porto, «darase a oportunidade aos lucenses que queiran acceder a estas formacións en distintas técnicas artesanais, xa que o sector da artesanía tense revelado como un factor de crecemento económico e de xeración de emprego de primeiro nivel, especialmente no rural, axudando a fixar a poboación no rural».

Os primeiros cursos serán, dun lado, o de Iniciación á Ebanistería, de 500 horas de duración, para o que hai un total de 6 prazas dispoñibles. Comezará o 12 de novembro e rematará o 6 de xuño de 2019. As sesións serán de luns a xoves, en horario de mañá, de 9.00 horas a 14.00 horas. Outro curso que comeza o 12 de novembro é o de Iniciación á Luthería, de 500 horas, e desenvolverase ata o 30 de abril de 2019. As sesións serán de luns a venres, de 9.00 horas a 14.00 horas. Ofértanse 6 prazas. En canto ao curso de Iniciación á Encadernación, para o que hai 4 prazas ofertadas, introducirase ao alumnado durante as súas 52 horas de duración, abordarase a encadernación artesanal dun xeito sinxelo e práctico. O curso celebrarase de martes a xoves en horario de 10.00 horas a 13.30 horas. As datas serán do 11 de decembro ao 7 de febreiro.