Piden que se declare BIC o castro de Santa María, en Cervantes

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Patrimonio dos Ancares e a ANPA do colexio presentaron a petición ante a Xunta

18 oct 2018 . Actualizado a las 14:19 h.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Anpa do CPI de Cervantes acaban de presentar conxuntamente ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo a solicitude de incoación de expediente para que se declare como Ben de Interese Cultural (BIC) o castro de Santa María de Cervantes.

O castro de Santa María é un dos bens patrimoniais de maior valor histórico e patrimonial do concello de Cervantes, como sinala o historiador Xabier Moure, do colectivo patrimonial. A asociación e as nais e pais do colexion lembran que o castro «é un dos símbolos de identidade do municipio e da propia comarca dos Ancares». Moure destaca que sobre o castro construíuse un cemiterio baixomedieval (apareceron 56 tumbas antropomorfas, moitas con restos óseos), a igrexa parroquial de orixe románica, o cemiterio e a casa reitoral.

Nos anos 1995, 1996 e 1999 realizáronse diversas intervencións arqueolóxicas parciais que sacaron á luz 26 vivendas de uso doméstico separadas por pequenas rúas, algunhas enlousadas, canles de desaugue, escaleiras, pequenas despensas de pedra, etc. Situado nun estreito val de montaña, explica Moure, nun pequeno saínte de ladeira orixinado polo río Quindous, tributario do Navia, o castro de Santa María foi habitado entre o ano 50 a. C. e o século II d. C., no período de transición do mundo prerromano ao romano.

A situación do castro de Santa María na cunca do río Navia, rica en recursos auríferos, explica a súa existencia e a posterior ocupación en época romana, evidenciando a categoría económica do poboado. Nun radio inferior a un quilómetro atópanse varios sitios arqueolóxicos relacionados co castro, entre outros sete explotacións mineiras e o asentamento do Castrillón.

Xabier Moure explica que segundo se recolle na Memoria da limpeza dos restos arqueolóxicos realizada no ano 2009, o castro de Santa María é de grande interese dende o punto de vista científico xa que pode achegar moitos datos sobre a investigación no período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano nunha zona, ata o de agora virxe, que podería servir de contraste e complemento a outros estudos realizados en zonas mineiras. Cómpre resaltar que apenas un 25% do castro foi escavado e estudado.

Nos últimos anos da década pasada, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural iniciara varios procedementos para a declaración con BIC de 19 castros ubicados en distintos puntos da xeografía galega, entre eles o de Santa María, expediente do que non se volveu a ter noticia.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares e a ANPA do colexion lembran no seu escrito á Xunta que dos 140 castros existentes na comarca dos Ancares, o de Santa María é o único que foi parcialmente escavado e estudado. «A súa declaración como BIC suporía un aliciente máis para o concello e a comarca, marcada nos últimos decenios por unha imparable despoboación. Ademais, o castro atópase dentro da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, declarado no mes de outubro de 2006, un territorio onde se procura integrar a conservación dos recursos naturais e culturais e o desenvolvemento socioeconómico sostible da poboación. Conta coas figuras de protección de Zona de Especial Conservación (ZEC), Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Zona de Protección do Oso Pardo».