O Campus impulsa a construción con madeira para facer unha cidade sostible

A Unión Europea financia o 59% do proxecto, que conta cun orzamento de dous millóns de euros


O Campus Terra de Lugo impulsa a construción con madeira para facer unha cidade sostible. A Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (Pemade) é a encargada de promover o proxecto Life EcoTimberCell, unha iniciativa orientada á mitigación do cambio climático, que leva por título «Sistemas estruturais celulares ecolóxicos para unha edificación modelo de mitigación de cambio climático e posta en valor do sector forestal». O seu obxectivo principal é «reducir o consumo enerxético na construción a través do desenvolvemento de produtos construtivos de madeira local procedente de xestión forestal sostible», segundo indican desde a USC.

O proxecto foi presentado onte na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. Trátase dun dos programas Life que acaban de ser aprobados pola Comisión Europea e conta cun orzamento de dous millóns de euros. A Unión Europea, a través dos Fondos Feder, achegará o 59% do financiamento, mentres que o resto dos socios participantes asumirán o pago do 41% restante. O programa terá unha vixencia temporal de tres anos, e supón «unha clara aposta por unha construción eficiente, unha produción forestal sostible e promoción de emprego verde local». 

O Life EcoTimberCell é unha novidosa iniciativa que promove a substitución de materiais de construción con alta pegada de carbono, como son o formigón ou o aceiro, por madeira, «xa que actualmente os edificios e a construción representan o 40% do consumo enerxético na UE. Ademais, estes sistemas serán totalmente reciclables unha vez remate a vida útil dos mesmos, reducindo deste xeito os residuos», segundo explicou o director de Pemade, o catedrático da USC Manuel Guaita Fernández, que tamén e coordinador do Life EcoTimberCell.

O desenvolvemento dos sistemas construtivos EcoTimberCell realizarase nas instalacións de que dispón na sede universitaria luguesa Pemade, un centro de investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito da enxeñaría da madeira con fins estruturais. A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC tamén contará neste proxecto coa colaboración e apoio do resto entidades implicadas, tal e como o son Betanzos HB, fabricante galego de taboleiro de fibras de madeira de alta densidade con sede en Betanzos; a Fundación Cetemas, centro e I+D no ámbito da cadea de valor Monte-Industria en Asturias; e a Fundación Itec, que traballa no sector da construción dende Cataluña.

Construción de vivendas unifamiliares

Entre os resultados finais previstos ao remate deste proxecto, atópanse os sistemas EcoTimberCell (ETC), creados a partir de madeira local de xestión forestal sostible, que posibilitarán unha construción rendible de aforro enerxético. Ademais, tamén se crearán os módulos habitacionais ETC para proxectar vivendas unifamiliares pasivas de consumo case nulo. Por outra banda, o proxecto non remata co desenvolvemento destes elementos, senón que prevé a creación dunha spin-off da USC, que terá entre os seus cometidos a comercialización, exportación e evolución de ditos sistemas ETC no futuro.

O programa Life EcoTimberCell continúa coa iniciativa desenvolvida ao abeiro do proxecto Life Lugo+Biodinámico, coordinado polo Concello de Lugo e no que tanto os investigadores e persoal de Pemade como da Unidade de Xestión Forestal Sostible da USC están a participar para aplicar solucións de adaptación ao cambio climático nas cidades, tales como poden ser a construción de edificios en madeira estrutural.

Acto de presentación

A presentación do programa Life EcoTimberCell desenvolveuse este luns no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría no marco dun acto no que participaron o director de Pemade, Manuel Guaita; a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera; a a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Argelio Fernández, e o xerente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, Xosé Manuel Iglesias.

Unha vez rematado o acto de presentación público, desenvolveuse unha sesión técnica e informativa respecto das accións previstas no marco deste programa e na que interviron como relatores, ademais do propio Manuel Guaita, a directora de Innovación e Desenvolvemento de Betanzos HB, Rosa Arcas; o director científico do Cetemas, Juan Majada, e o director técnico do Instituto de Tecnoloxía da Construción de Cataluña (Itec), Ferrán Bermejo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Campus impulsa a construción con madeira para facer unha cidade sostible