Denuncia ante Icomos polas agresións ao Camiño Primitivo

Foro do Camiño

LUGO

FORO DO CAMIÑO

O Foro do Camiño volve acusar á Xunta de facer obras que «destrúen o camiño tradicional»

09 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Foro do Camiño Primitivo, conformado por 30 organizacións defensoras dos Camiños de Santiago, acaba de denunciar perante a nova dirección de ICOMOS-España que outra xeira das obras do suposto «acondicionamento» da vía primitiva entre os lugares de Vilardongo e Pedrafitelas no municipio de Fonsagrada ?realizadas pola Axencia Galega de Turismo que dirixe Nava Castro? supuxeron a destrución completa do Camiño tradicional, a súa identidade e valor patrimonial, seguindo a tónica habitual destas actuacións nos dous últimos anos.

A agresividade destas obras no Camiño Primitivo foi tamén recriminada e denunciada por algúns veciños debido á repercusión que as mesmas tiveron nas súas propiedades, afectando a un longo tramo de vía histórica sobre a que nalgún treito concreto xa se actuaba por terceira vez. Para a realización das mesmas foi utilizado todo tipo de maquinaria pesada, procedéndose á urbanización da calzada antiga, agora en parte sepultada con cemento, así como ao nivelado da rasante do terreo, uniformización de todo o itinerario, realización de novos perfilados, cimentación de sumidoiros, recheo con grosas capas de xabres, gravas e outros materiais, todo o cal supón de facto a construción de un novo Camiño de Santiago no século XXI, urbanizado seguindo as pautas estándar de calquera outra vía moderna ou pista forestal, apta para todo tipo de tránsito e práctica comercial ou deportiva.

FORO DO CAMIÑO

Para o Foro do Camiño, esta nova e gravísima modificación da arquitectura e paisaxe do Camiño Primitivo ?que se suma ao programa de obras de Turismo nas rotas xacobeas? conleva a perda irremisible da súa memoria inmaterial asociada á vía milenaria tradicional recoñecida pola UNESCO como patrimonio mundial, así como do seu valor histórico e cultural, perdéndose definitivamente o fío condutor co pasado, a súa diversidade, integridade e autenticidade, logo da uniformización e desnaturalización das rotas históricas de peregrinación a Compostela.

Máis unha vez, o Foro do Camiño recorre a ICOMOS-España como organismo encargado de promover a aplicación dos criterios de conservación e protección dos bens declarados como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, atendendo ao feito constatado de que a Axencia Galega de Turismo, coa conivencia da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, está a construír un novo e artificioso camiño de cemento por riba da traza tradicional das vías de orixe medieval, polo que non se trata de unha simple reforma, senón da eliminación total de valores ambientais, paisaxísticos e culturais que, precisamente, foron obxecto da declaración como patrimonio mundial e territorio histórico que se está a soterrar baixo un roteiro turístico orfo da alma que o ten convertido nun fenómeno de dimensión universal.

O Foro do Camiño xa estableceu contactos directos coa nova dirección do ICOMOS para dar conta destes feitos e ampliar a súa denuncia presentada en 2016, con imaxes das novas intervencións de Turismo, encontrando gran receptividade, sintonía, preocupación e disposición para intervir nesta grave dinámica creada en torno á desprotección das vías xacobeas, recoñecéndose por parte de membros do alto organismo da UNESCO que o Camiño de Santiago centra a maior parte das denuncias presentadas perante o mesmo, mostrándose igualmente a estrañeza porque esta cuestión fose derivada ao departamento de Turismo, así como pola falta de previsión das consecuencias que podería ter para a propia entidade do Camiño ?como ben cultural e a súa garantía de futuro? o feito de o converter nun fenómeno de masas onde a especulación comercial afoga o seu propio espírito.

FORO DO CAMIÑO

Finalmente, o Foro do Camiño realiza un chamamento aos gobernos municipais para que non se inhiban das súas funcións canto ao control e outorgamento de licenzas de obra para actuacións que atentan contra o patrimonio dos pobos que representan e que desprestixian o Camiño de Santiago, segundo se observa nas críticas e reaccións de repulsa e indignación que se están a dar entre a comunidade de peregrinos e a propia veciñanza, instando á Xunta a investir ditos fondos en actuacións de conservación e posta en valor a longo prazo, que contrarresten a maquinaria deturpadora e as actuacións fraudulentas que van ferindo os camiños históricos na súa faciana máis xenuína.

A este respecto, permanece aberta ao público unha conta en change.org para quen desexe asinar, baixo o enlace: https://www.change.org/p/secretaria-esicomos-org-unescoparalice-as-obras-de-destrución-do-camiño-de-santiagoocamiñononsedestrúe.