Trece grupos de música tradicional animarán o Domingo das Mozas

LUGO

ÓSCAR CELA

«É a única mostra deste tipo que se fai nunhas festas patronais», sinalan os organizadores

05 oct 2018 . Actualizado a las 13:14 h.

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza de novo a que será a vinte edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das

Mozas, un festival que contará coas actuacións de 13 grupos de música tradicional galega, que encherán da nosa música o casco vello da cidade no día máis emblemático das festas patronais.

Os grupos participantes na mostra actuarán en horario de mañá e de tarde en distintas portas da Muralla, prazas e rúas, de tal maneira que toda a xente que entre na cidade sexa recibido co son da música tradicional. Os participantes son: Abertal (A Rúa), A Volta do Agro (Lugo), Arume (Boiro), Banda de Gaitas Sons da Chaira (Terra Chá), Caivanca (Lugo), Cántigas e Frores (Lugo), Folquiada (Lugo), Lagharteiras (Mos), Os Campantes da Baña (A Baña), Os de Algures (Pontevedra), Raparigos (Ferrol), Reviravolta (Lugo) e Xaora (Lugo).

Pola mañá, os 13 grupos sairán dende a Praza de Santa María ás 11.30 horas facendo un pasarrúas polas distintas rúas do centro urbano amurallado, ata as 14.00 horas. Pola tarde repetiranse as actuacións a partir das 17.30 horas, para logo rematar ás 19.00 horas

Esta mostra, na que a Asociación de Gaiteiros Galegos xunta ano tras ano aos mellores grupos de gaitas de Galicia, ten como finalidade a exaltación da música tradicional galega «servindo como medio de difusión para que a nosa música chegue ao maior número de xente posible», sinalan os organizadores, que destaca que é a única mostra deste tipo que se fai nunhas festas patronais «e consegue que Lugo sexa referencia en toda Galicia, pois demostra que a nosa música tradicional pode ser a protagonista da festa na rúa»