A xornada terá lugar o luns pola tarde, e nela participarán o Colectivo 1Aun, Ergosfera e Fundación Ría
04 oct 2018 . Actualizado a las 11:45 h.A problemática da ordenación e a xestión territorial en Galicia centrarán o debate aberto que terá lugar o próximo luns, día 8, no Campus Terra de Lugo, na sede do Ibader. A xornada está organizada dentro da programación académica do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio (Máster Terra) da USC.
O debate desenvolverase a partir das 16.00 horas na aula Luciano Sánchez García do Ibader e está aberto á participación de todo o público interesado pola problemática derivada da ordenación e xestión territorial. Interveñen as universidades na vertente de investigación e innovación, e as administracións, no que atinxe ao deseño e execución de políticas: «Alén da intervención destes axentes públicos no referente a xestión e ordenación territorial, nos últimos anos están a xurdir cada vez máis pequenas cooperativas de traballo, empresas e mesmo fundacións que, ademais de ofrecer servizos de consultoría para a elaboración de plans, tamén reflexionan sobre cuestións de organización territorial de xeito máis vocacional», segundo informan desde a USC.
Tres das principais organizacións operativas en Galicia neste ámbito, tal e como o son o colectivo Ergosfera, 1Aun e Fundación Ría, estarán representadas neste foro aberto organizado ao abeiro do Máster Terra na sede universitaria luguesa.
Asuntos que se tratarán
Os relatores convidados a participar nesta sesión abordarán, entre outras cuestións, «os principais problemas que presenta a ordenación do territorio en Galicia, ao tempo que analizarán os escenarios futuros previstos de persistir estas problemáticas ou se xorden outros inconvenientes. A análise das alternativas actuais para corrixir esta situación e a proposta de medidas que se poden activar para evitar complicacións futuras, será outro dos eixes sobre os que afondará esta sesión», continúan desde a USC.