Vintecinco artesáns ofrecen produtos de calidade no Artesanfroilán

LUGO

Ata o 14 de outubro poderanse ver pezas de 25 artesáns de calidade

03 oct 2018 . Actualizado a las 21:20 h.

Artesanfroilán abriu as portas nunha carpa detrás do Concello a súa décimo novena mostra, que promove a Deputación, que reúne ata o 14 de outubro as creacións de 25 artesáns de toda Galicia. Esta feira xa está consolidada nas patronais e actúa de escaparate de luxo da artesanía da provincia. A Deputación elixiu aos artesáns atendendo a criterios de calidade, innovación e antigüidade na condición de artesán.

Nos postos poderanse adquirir produtos de coitelería, cerámica, madeira e marroquinería, entre outros. A mostra ten lugar baixo unha carpa cuberta instalada na Praza Anxo Fernández Gómez, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas, e contará cun posto de información.

Para a selección dos 25 artesáns puntuouse favorablemente a calidade e coherencia no uso de técnicas, tecnoloxías, materiais, cores e todos os compoñentes do proceso de elaboración das pezas. Ademais valorouse a utilización de materias primas autóctonas; pezas que permitan unha fácil interpretación e ligazón co territorio; ou a innovación tanto nos procesos e materiais empregados como no uso das tecnoloxías de información. Tamén se tivo en conta a antigüidade da Carta de Artesá e se o obradoiro está inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.