Lugo será a capital mundial da arqueoloxía do ouro

LUGO

Entre o 7 e o 9 de novembro celebrarase no Museo Provincial un congreso internacional cos mellores especialistas do mundo nesta materia

24 sep 2018 . Actualizado a las 14:19 h.

A deputada de Cultura, Pilar García Porto; a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro García, a membro do Comité Científico do Congreso representante da USC, Ana Goy;Díaz, e a Xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago González presentaron este luns, no Museo Provincial, o programa do Congreso Internacional de Arqueoloxía do Ouro, que se celebrará os días 7, 8 e 9 de novembro, patrocinado e financiado polo goberno da Deputación.

Esta iniciativa cultural conta co apoio europeo da AEPC 2018, baixo o lema «Our heritage. Where the past meet the future (Nuestro patrimonio. Donde el pasado se encuentra con el futuro)». A inscrición para participar xa está aberta, a cita está organizada polo Museo Provincial de Lugo e o Instituto de Estudos da Cidade de Lugo pertencente á USC, a matrícula é gratuíta e conta con 140 prazas. Na Web da Deputación hai banner habilitado con toda a información sobre este congreso.

García Porto anunciou que por primeira vez se celebra en Galicia, concretamente en Lugo, un simposio internacional sobre a ourivería galega. A deputada explicou que estas xornadas «estudarán a ourivaría dende un punto de vista arqueolóxico, e trataranse temas que teñen que ver coa paisaxe aurífera e circulación do ouro, tecnoloxía da ourivería antiga, e a ourivería antiga na sociedade actual. Ademais, esta cita, contribuirá a difundir, relacionar e poñer en valor as coleccións de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo, así como as aportacións científicas de investigadores relacionados co ouro antigo, e contribuír ao seu estudo e divulgación».

A deputada convidou a todos os interesados a participar nestas xornadas «xa que esta cita convertese nunha oportunidade única para todos aqueles profesionais de museos, profesores, alumnos ou investigadores que desexen enriquecerse do coñecemento dos poñentes internacionais que veñen dende diferentes países de Europa, concretamente de Irlanda, Reino Unido, Francia, Alemaña, Portugal e España.

Relatorios e Conferencia Inaugural

Neste Congreso de Arqueoloxía do ouro, trataranse os seguintes temas:

1. Terra Auris: paisaxe aurífera e circulación do ouro. Estudos de minería e xeoquímica para o estudo das procedencias e a circulación do ouro. Xeografía dos achados de ourivería, dispersión dos metais e das pezas. Recursos e explotacións mineiras, etc. Moderador e presentación da sesión: Marcos Martinón-Torres.

2. Tecnoloxía da ourivería antiga. Estudo da ourivería antiga e dos diferentes ámbitos tecnolóxico nos que se insire. Metodoloxías analíticas, resultados e novidades na investigación científica... Moderador e presentación da sesión: Xosé Lois Armada

3. O ouro e os sentidos. A ourivaría como símbolo, relacións de identidade, xénero, poder/prestixio. Simbolismos e significados. Moderadora e presentación da sesión: Aurelia Balseiro

4. A ourivería antiga na sociedade actual. Estudos e investigación no campo das relacións interdisciplinarias dende a etnoarqueoloxía, antropoloxía, museoloxía, percepción do ouro nas sociedades antigas e modernas e construción de identidades narrativas arredor da ourivaría. Moderadora e presentación da sesión: Beatriz Comendador