O Congreso Mundial da Madeira premia a cuberta de eucalipto da Politécnica

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Os expertos valoran a investigación desenvolvida en Lugo para deseñar a «gridshell»

20 sep 2018 . Actualizado a las 00:20 h.

O Congreso Mundial da Enxeñaría da Madeira premiou a cuberta de eucalipto deseñada e construída en Lugo pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), un grupo de investigación con sede na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, dirixida polo catedrático Manuel Guaita. O galardón recoñece a importancia das investigacións desenvolvidas para facer realidade esta cuberta ou gridshell. O premio supón un pulo ao labor da Pemade, xa que o citado congreso, que tivo lugar en Seúl (República de Corea), é o congreso de enxeñaría en madeira máis importante do mundo. A cita celébrase cada dous anos nun país e nela danse cita enxeñeiros, arquitectos e especialistas da madeira de todos os continentes.

O traballo foi desenvolvido por enxeñeiros e arquitectos da USC e da Politécnica de Madrid: Antonio José Lara Bocanegra, Antonio Roig, Almudena Majano Majano e Manuel Guaita. A cuberta premiada é un prototipo único no mundo, realizado con eucalipto globulus, que presentou o ano pasado a Pemade. Trátase dunha gridshell -unha cuberta laminar con estrutura de texido-, montada sobre arcos de pino radiata de Lugo, que cubre unha superficie de 140 metros cadrados e que na actualidade se usa como almacén da Politécnica.

A gridhsell componse de láminas de madeira en retícula curvadas elasticamente. Estas láminas constrúense a partires de pezas rectas e idénticas de madeira serrada. Esta técnica permite crear estruturas de grandes dimensións dobremente curvadas, simplemente entrecruzando as láminas en capas sucesivas, coma se dun tecido se tratase, segundo explican desde a USC.

Vantaxes da cuberta

O emprego de madeira de Eucalyptus globulus vén dado pola súa idoneidade e polas súas propiedades resistentes, ademais de por tratarse dunha madeira que non presenta practicamente nós. Daquela, cómpre lembrar que se trata da especie forestal clasificada en Europa para uso estrutural con maiores propiedades resistentes. Guaita destaca que se trata dunha cuberta lixeira, que precisa de pouca cantidade de madeira, un material que, ademais, é biodegradable e que admite unha configuración libre.

Este traballo achega varias novidades no ámbito das gridshell de madeira «como un concepto estrutural de cuberta longa apoiada só nun dos seus lados curtos e o emprego dunha terceira dirección de láminas dobradas para proporcionar rixidez ao cizallamento no plano da cuberta», continúan desde a USC.

A gridhsell instalada na Politécnica é o resultado dun traballo desenvolvido pola Pemade no marco do LIFE Lugo+Biodinámico, un proxecto impulsado polo Concello de Lugo, como entidade coordinadora, e no que participa a USC e a Politécnica de Madrid. O proxecto está financiado pola Unión Europea, a través do programa LIFE, e a Deputación de Lugo.