Lara Méndez «Quero seguir de alcaldesa porque a ilusión dunha persoa cando inicia un proxecto é acabalo»

A rexedora di que a oposición non actuou con responsabilidade e cre que a cidadanía saberá decidir

«Quero seguir de alcaldesa porque a ilusión dunha persoa cando inicia un proxecto é acabalo» A rexedora de Lugo di que a oposición non actuou con responsabilidade e cre que a cidadanía saberá decidir

lugo / la voz

 Teno decidido. Será cabeza do cartel socialista nas eleccións do 26 de maio de 2019. Lara Méndez (Suíza, 1972) quere seguir sendo alcaldesa de Lugo, porque di que os traballos non poden deixarse empezados. «Cando se inicia un proxecto -destaca esta enxeñeira técnico agrícola de profesión-, hai que rematalo». Comeza un novo curso de nove meses que é clave para o seu futuro, e pecha un mandato ao que chegou porque os nacionalistas dixeron que non apoiarían a José López Orozco por ser obxecto de investigación xudicial.

-A mediados dos anos oitenta houbo un concurso na tele que se chamaba «Si lo sé, no vengo» e no que os concursantes tiñan que ir superando moitos atrancos. Sabendo o sabido, tería sido alcaldesa?

-Volvería repetir todo tal e como pasou, lamentando o motivo da miña investidura. Díxeno desde o minuto cero, e sigo manténdoo: estou tremendamente satisfeita, contenta e orgullosa de ser a alcaldesa de Lugo, e asúmoo con gran responsabilidade

-Chegou a perder calidade de vida a nivel persoal?

-Cando te dedicas ao servizo público, perdes horas da familia. Esa é a parte máis negativa, sobre todo cando un ten fillos de curta idade, como é a miña nena de seis anos. Gustaríame dedicarlle máis tempo do que lle dedico.

-Se lle parece, falemos de futuro. Ten pensado recuncar?

-Teño dito que os proxectos, cando menos, son a medio prazo. Nun mandato dá tempo a materializar un proxecto global e, polo tanto, creo que hai que concluír tarefas. Nestes anos iniciamos estratexias para a cidade que considero que hai que desenvolver, polo menos, en dous mandatos. A ilusión dunha persoa cando inicia un proxecto é finalizalo.

-Para a nova ‘liga’ ten previsto facer fichaches ou vai tratar de xogar co mesmo equipo?

-De momento é cedo para falar de persoas, de equipos... Evidentemente, non é só o meu desexo de querer contar coas persoas que tiven o gran pracer de ter, senón a vontade das mesmas de seguir dedicándolle 24 horas ao Concello, porque non son só as 24 horas da alcaldesa as que precisa a institución senón as dos concelleiros tamén. Eles, asemade, teñen moita diminución de vida persoal.

-A veciñanza é quen fai a avaliación. Cre que a aprobará?

-O pobo é quen ten a capacidade de decidir e adoptará a mellor elección porque sabe perfectamente que papel xoga cada quen, goberno e oposición. Nós presentámonos cun programa, cun contrato coa cidadanía que se materializa en catro anos. Fixemos un gran traballo que se verá neste último ano, pero todos temos responsabilidades nel. Para materializar ese mandato necesitamos dos instrumentos que nos dá a Administración e un deles é o orzamento, que é fundamental; e no 2017 carecemos del porque así o quixo a propia corporación. Puxen o cargo a disposición da oposición entendendo que Lugo non podería estar sen orzamentos. Naquel momento xa optei por Lugo, e creo que a cidadanía sábeo, veo e enténdeo. E tamén sabe das dificultades administrativas que poidamos ter para materializar os propios orzamentos e propostas de goberno.

-Os problemas xudiciais apartaron da carreira política a, Orozco (ex alcalde) e Besteiro (ex presidente da Deputación) aos que o PP chama os seus ‘padriños’ políticos. Vostede tamén está investigada. Está preocupada?

-En absoluto. Sería un tema de debate o exceso de xudicialización que existe na vida política. Eu estou agora investigada por unha querela que presentou un sindicato por un tema administrativo que acabou na vía penal. Chamáronme a declarar aos seis meses, e, xusto uns días antes o señor Antonio Ameijide [voceiro do grupo do PP] presenta uns papeliños dicindo que achega nova documentación ao expediente (por certo, esa nova documentación son basicamente as súas notas de prensa), pero desde o punto xudicial supón ter que estudala. Por iso o señor Ameijide, antes de que volva ser citada a declarar, presentará algún papeliño novo para intentar retardar todo ese proceso. Así fixo con todo: cos orzamentos, coas modificacións de crédito. Calquera iniciativa que sexa interesante para a cidade, trata de retardala. E algo que fai o PP moitas veces...: intentar chegar aos gobernos pola vía xudicial

-A oposición fixo que pasase por momentos duros...

-A oposición actúa con irresponsabilidade, e para mostra, o que se viviu: querer chegar a un acordo de negociación dos orzamentos, e ao final un grupo decide non aprobalo. Unha irresponsabilidade por parte da oposición. De feito, nun grupo de tres concelleiros, esta situación supuxo a marcha de dous. Todos temos responsabilidade e a cada un tócalle asumila nos órganos competentes. Por poñer exemplos: o que non pode facer o PP é solicitarnos obras e logo votar en contra delas cando van nos orzamentos; que se faga algunha actuación, e cando está planificada, votar en contra. Hai que ser consecuentes. Non se pode tirar a pedra e esconder a man.

-Considérase aprobada ou suspensa?

-Depende do escenario que escollamos. O principal é o mandato e, polo tanto, váisenos avaliar dentro de nove meses. Ese é o exame final. Se falamos de anualidades, cando tivemos orzamentos investimos na cidade e esta medrou. No 2016 viñamos dunha crise e tratamos de dar prioridades en emprego e pequenas humanizacións, como a Praza do Agro do Rolo ou o saneamento de Fontiñas. O exercicio do 2017 foi a grande materia pendente, porque o orzamento non se aprobou, pero hai 25 persoas con responsabilidade nesa materia. Neste exercicio levamos catro meses a pleno rendemento. Este mes empezamos obras por un millón de euros: ascensor de Fontiñas, peonalización da Milagrosa, párkings disuasorios, e do HULA, servizos na rúa Torre de Doncos...

"LUGO É UN CERO A ESQUERDA PARA A XUNTA"

-Cun goberno amigo no Estado, acabaranse moitos problemas para Lugo...

-Hai gobernos útiles e inútiles, e o PP foi un goberno inútil para a cidade de Lugo. Confío en que o de Pedro Sánchez sexa útil. As necesidades son as mesmas, non variaron, porque nada fixo o PP. Se fixera algunha cousa, ao mellor terían minguado ou modificado ou xerado outras. As reivindicacións ao goberno de Pedro Sánchez seguen sendo as mesmas e confío en que haxa un mellor entendemento e unha solución aos problemas. O goberno do PP foi durante sete anos un goberno inútil para a cidade de Lugo, deulle constantemente as costas. Non só avanzando ou evolucionando en proxectos senón que aqueles que estaban iniciados foron metidos nun caixón ou suspendidos.

-E que di do goberno de Santiago?

-A cidade de Lugo foi un cero a esquerda para o goberno da Xunta, que leva tres mandatos. No primeiro do señor Feijoo, a cidade de Lugo non recibiu absolutamente nada. Incluso quedaron proxectos tan importantes como o cuartel de San Fernando, que significaría o 0,1 % do investido no Gaiás. Non se entende como dan as costas a algo detrás do que hai un clamor social e que pode ser motor económico, turístico e dinámico.

-Lugo no parece mimado. Hai maleza, os xardíns están mal, a limpeza tamén é deficiente...

-Partindo da base de que todo e mellorable, entenderá que as condicións meteorolóxicas non dependen das decisións do goberno e, polo tanto, pode haber momentos puntuais nos que haxa máis maleza porque non se da abasto cos servizos existentes e querer amplialos leva un proceso que non é inmediato. Partindo desa premisa, non compartimos a mesma opinión. No seu xornal saía recentemente que Lugo era unha cidade moi ben valorada polos visitantes e así está catalogada nas páxinas de turismo. Teña en conta que só temos capacidade para actuar no público. No privado só podemos facelo se hai riscos de seguridade.

-Fala sempre dunha cidade amable, pero aprecio que lle ten medo á peonalización da ronda. Cal é a razón desa resistencia?

-Non me resisto en absoluto. Estamos a traballar, pero a peonalización da ronda tería un investimento importantísimo; déase conta de que só completar Quiroga Ballesteros e Santo Domingo custa 1,1 millóns de euros. Imaxine, pois, a importancia de ter orzamentos para seguir cos proxectos. Levantar a man nun pleno dicindo ‘queremos, queremos’ está moi ben, pero se non hai orzamentos, algo falla. E aí, penso, ten máis responsabilidade a oposición ca nós.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
17 votos
Comentarios

Lara Méndez «Quero seguir de alcaldesa porque a ilusión dunha persoa cando inicia un proxecto é acabalo»