Ribeira Sacra copa os premios do concurso de tintos galegos no País Vasco

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LUGO

CARLOS CORTÉS

18 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres viños de Ribeira Sacra gañaron os premios principais da Cata-Concurso de Viños Tintos Galegos que se celebrou esta fin de semana dentro das actividades do día de Galicia en Euskadi. O primeiro premio foi para Viña Peón, da adega de Sober O Canceliño; o segundo para Casa Moreiras, de Pantón; e o terceiro para Viña Garoña, de Chantada.

O xurado decidiu conceder tamén un accésit, que lle correspondeu a DaInsua, un viño da denominación de orixe Rías Baixas.

Celebrouse en Llodio

O concurso, que alcanzou este ano a edición número dezaoito, celébrase sempre en coincidencia co Día de Galicia en Euskadi, a festa anual dos centros galegos no País vasco. A celebración tivo lugar nesta ocasión na localidade alavesa de Llodio. O certame, concurso de viños incluído, está organizado pola Irmandade de centros Galegos en Euskadi, e da súa preparación encárgase o taboadés José David Fidalgo, a persoa homenaxeada este ano coa imposición da insignia de ouro da irmandade.

A organización do concurso acostuma a celebrar con posterioridade ao fallo do xurado actos de entrega dos premios nas denominacións de orixes ás que pertencen as adegas premiadas cada ano.