«Pasamos de ir coas vacas ao prado a ter obreiras das industrias»

O escritor e xornalista Afonso Eiré presenta hoxe en Lugo a novela «Memorias dunha vaca marela», na que repasa os cambios económicos e sociais de Galicia dos últimos 30 anos

.

Afonso Eiré (Chantada, 1955) presenta hoxe na Librería Trama, ás 20.00 horas, a novela «Memorias dunha vaca marela», editada por Hércules Edicións. O escritor e xornalista lucense emprega a unha vaca, «Cachorra», para explicar todo o cambio económico e social que viviu o campo galego nas últimas tres décadas.

?Vendo o título e lendo o arranque do libro, vén á cabeza Neira Vilas e «Memorias dun neno labrego»?

?Si que hai un «guiño». Antes de que morrese Neira Vilas prometinlle que ía facer unha novela cunha vaca e sobre os cambios que se produciron nos últimos trinta anos. Eu son de aldea e fun da xeración que ía coas vacas...

?Hoxe xa non é así...

?Hoxe nalgunhas explotacións bótanse as vacas no prado e noutras dáselles de comer na granxa porque por cada quilómetro que andan producen cinco litros de leite menos (risas). Pero é curioso que isto creo que vai a mudar, porque en Alemaña xa fixeron unha lei que sinala que antes do 2020 van obrigar a volver a ir coas vacas polos prados. Será un exemplo máis de que no sector agrario en Galicia sempre fomos a remolque.

?Como foi a fase de documentación da novela?

?Primero a miña experiencia persoal. Nacín no rural, aínda que marchei con 10 anos, pero sempre volvín á aldea. E logo houbo un traballo de reportaxe, entrevistando a labregos e gandeiros. Tamén falei con xente que foron acusados de asasinos porque deixaban morrer as vacas. Quería saber que sentían, e por moito que te poñas na pel deles, hai que vivilo. E agora nas presentacións das novelas aparecen anécdotas, como unha que me contaron dunha señora que cando o veterinario lle dixo que ía morrer unha das dúas vacas que tiña, esta lle dixo con serenidade que prefería que morrese un fillo. E é que tiña cinco e cunha vaca morta, ao mellor morríanlle dous fillos.

?E que a vaca para os galegos foi todo un símbolo.

?Valía para todo e chegou a ser tan importante que modificou a paisaxe e a economía de Galicia. Por iso emprego na novela a vaca como narradora, como símbolo dese cambio económico e social e como resistente. Foi habitual entre os paisanos que a medida que pasaban os anos e tiñan que ir vendendo as vacas, ao final sempre se quedaban cunha soa. Pero ollo, a vaca nunha foi unha mascota, non se humanizou como se pretende facer agora cos animais.

?Segue a ser o motor económico de Galicia?

?Nalgúns lugares si, pero acabou sendo un monocultivo, mentres que nas terras abandonadas se dedicaron a outro monocultivo, as árbores desérticas. Creouse unha idea errónea de que é necesario ter máis de cen vacas para vivir ben, cando en Francia hai xente que con 20 ou 40 vacas chéganlles para vivir. Aquí en Galicia parece que en vez de vacas temos obreiras da industria. E ademais os gandeiros hoxe son empresarios, e moitos só miran a rendibilidade e pouco lles importa o medio ambiente ou que os ríos vaian contaminados.

?Pero si houbo unha reconversión silenciosa.

?A reconversión que houbo no rural de Galicia nos últimos 40 anos non ten comparación en toda Europa. Pasamos de ter cen mil explotacións a só 8.000. Todas as leis e normativas e tamén as leis do mercado fixeron esta reconversión. E creo que se racharon mitos, como o de que os labregos son inmobilistas, cando demostraron que sempre estiveron mudando e soubéronse adaptar aos tempos e ás circunstancias.

?E tamén está o mito da subvención.

?Si, incluso desde o ámbito do nacionalismo houbo sectores que falaban de que «o agro non ten futuro». Desprezouse o sector primario e lanzouse unha idea de que non había futuro.

?E a vaca galega aínda segue viva.

?No século XIX estableceuse un refrán popular que segue vixente: «A vaca marela non hai que poida con ela».

Presentación este serán en Trama

Afonso Eiré presenta hoxe na Librería Trama de Lugo o seu libro, editado por Hércules Ediciones. No acto, que comezará ás oito do serán, o escritor e xornalista estará acompañado por Elías Somoza, coordinador do sindicato Fruga en Lugo. Como se pode ver foto da na portada do libro, a rubia galega ten todo o protagonismo. A obra está contada desde o punto de vista de Cachorra, que representa a todas as vacas galegas.

Votación
5 votos
Comentarios

«Pasamos de ir coas vacas ao prado a ter obreiras das industrias»