«Hoxe presentarei a renuncia de 29 militantes socialistas de Becerreá»

LUGO

SUSO VARELA

A ata agora secretaria local do PSOE en Becerreá lamenta que a dirección do partido non acudise á vila para explicar aos militantes que pensaban

08 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Darya Fernández pon fin a dez anos de secretaria xeral do PSOE de Becerreá, cargo que ocupaba desde que cumprira os 18 anos. Antes xa antes formara parte das Xuventudes Socialistas.

?Como está a vivir a marcha do PSOE?

?Pois é todo moi decepcionante e triste, pero non podemos seguir sendo deste PSOE porque por riba de todo apoiamos a Martínez, unha persoa honesta e honrada. Pintouse unha idea de que é un ogro.

?Cantos militantes de Becerreá se dan de baixa do PSOE?

?Hai tres anos, cando comezou todo o conflito, había uns 50 militantes do PSOE, pero xa naquel momento houbo baixas porque estaban moi molestos co que pasara. Moitos querían marchar, pero o propio Manolo nos dicía que esperáramos. Nos últimos tempos había 34 militantes, pero hoxe teño pensado entregar a documentación para a renuncia de 29 deles.

?Acábase unha etapa...

?Si, pero ser socialista non significa ter un carné. Nós seguimos pensando que somos os socialistas de Becerreá. E que aquí houbo unha obsesión e unha persecución co noso alcalde, ao cal non é que o apoiemos como algo persoal, senón por conviccións socialistas. Ademais, desde a dirección do partido en Lugo nunca viñeron aquí a preguntarnos que nos parecía a situación. Somos algo máis que xente que paga as cotas dun partido.