Rubén Arroxo: «O BNG vai incrementar votos porque a xente viu que non hai partidos milagre»

Di que quere «presentar un proxecto para acabar coa parálise no Concello e reactivar á cidade»


lugo / la voz

O voceiro municipal do BNG, Rubén Arroxo (Lugo, 1985), será moi probablemente o aspirante nacionalista a alcaldía de Lugo nas eleccións de 2019. Onte, no marco do proceso interno que ten aberto o Bloque para conformar as candidaturas, Arroxo presentou a súa proposta, co apoio dun grupo de militantes. Todo indica que non terá competidores e que, o martes, a asemblea local confirmará a súa candidatura. Como obxectivo xeral, sinala: «Queremos acabar coa parálise que sofre o Concello de Lugo».

-Por que decidiu presentarse de novo?

-Porque, na última asemblea local, os militantes valoraron positivamente o traballo do grupo municipal. Penseino, porque, cando te comprometes para isto, é unha responsabilidade para catro anos.

-Como pretende enfocar a precampaña e a campaña?

-Queremos presentar un proxecto para acabar coa parálise que hai no Concello. A xente de Lugo pide un goberno que reactive esta cidade. Nós fixemos moitas propostas, que cremos que poden ser moi interesantes para Lugo, e que non foron atendidas; incluirémolas no programa. Temos que dar solución aos procesos burocráticos no Concello, porque están totalmente atascados.

-E por onde habería que empezar a traballar para conseguir ese obxectivo xeral que se marca?

-O máis urxente é solventar o problema de persoal, de falta de persoal. Doutro xeito é moi difícil desbloquear a concesión de licenzas ou convocar e adxudicar os servizos que agora prestan empresas sen contrato.

-Apoiaron a investidura da alcaldesa, Lara Méndez, pero critican a súa xestión....

-O BNG deu o apoio ao PSOE en 2015; en 2019, espero que haxa que preguntar a Lara Méndez se vai apoiar ao BNG. En todo caso, no seu momento acertamos ao non permitir que gobernara o PP, un partido que acaba de ser condenado pola Gürtel. E somos moi críticos co PSOE; acertamos ao facer oposición moi crítica pola deriva que está a levar.

-Como son as relacións co PSOE?

-Xa empezaron con mal pé. Xa no pleno de organización, os socialistas pactaron co PP. Eu creo que os socialistas viñan afeitos a como son as cousas na Deputación e isto, o Concello, é algo moi diferente.

-No 2015, Lugonovo levou moitos votos que perdeu o BNG...

-No 2015 había moita confusión; era o rebufo do 15M. Había moitos cambios. Agora está todo moito máis asentado, as cousas están máis claras. Creo que moita xente que confiou nas novas opcións unha vez xa viu que non hai partidos milagre e comprobaron que o BNG mantivo unha liña coherente. Eu creo que o BNG vai incrementar votos, incluso desde sectores de esquerda desgustados co PSOE.

-Que estratexia manterán fronte ao PP, que aínda non confirmou quen será o candidato?

-Pois non lle temos medo a nada; como se queren traer a Rajoy para Lugo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Rubén Arroxo: «O BNG vai incrementar votos porque a xente viu que non hai partidos milagre»