César Dorado: «As xovencas do Centro de Recría son as mellores que atopan os técnicos»

Dolores Cela Castro
Dolores Cela LUGO / LA VOZ

LUGO

PRADERO

O candidato a presidencia de Acruga enfróntase á campaña electoral máis dura das que se presentou ata o momento, con graves acusacións

11 may 2018 . Actualizado a las 23:55 h.

César Dorado preséntase á reelección como presidente de Acruga por outros catro anos. Faino no medio de críticas e descualificacións dos outros dous candidatos, que o acusan de levar a raza rubia galega ao perigo de extinción. Dorado defende a xestión destes 13 anos -chegou ao posto despois do falecemento de Ricardo Rosón, un dos fundadores da asociación e alma máter do seu funcionamento- e culpa ao despoboamento e ao peche de explotacións do descenso de exemplares rubios. Rexeita de pleno as acusacións de que ordenou a traballadores da asociación recoller votos para el nas granxas.

-Está sendo unha campaña polémica...

-Eu non teño nada que ocultar e defendo o traballo que se está facendo en Acruga, tanto por parte dos gandeiros coma dos técnicos. Non entendo a algúns candidatos, que non teñen rubia, que teñen unha vaca dunha cor e outra doutra, que se dedican a facer acusacións descualificando a raza. Tampouco entendo como usa o posto que ten algunha desas persoas para coaccionar aos gandeiros co fin de gañar votos. Os méritos hai que gañalos traballando e non dende os postos oficiais.

-¿Está recibindo moitos ataques directos pola súa xestión?

-Que se desenganen. As acusacións non son contra min. Son contra a raza, contra os técnicos de Acruga e os gandeiros.

-Falando dos traballadores, ¿é certo que lles ordenou que recollesen votos para vostede?

-É unha grande mentira. Non uso aos traballadores de Acruga. E que non falen tanto das delegacións de votos porque os gandeiros danas a quen queren votar, e os tres xogamos no mesmo campo, a partes iguais. Usan iso porque, como se sabe, estamos en campaña.

-¿Que ten que dicir das xovencas do Centro de Recría da Deputación? Núñez Torrón dixo que eran femias de descarte.

-As xovencas mércanselles aos gandeiros. Van un veterinario e un técnico ás explotacións e escollen as mellores que atopan. Pagamos a 6 euros quilo canal. Pésanse e calcúlase o 60 %, que é o que se paga, a 6 euros. No matadoiro están a catro e pico. Esas xovencas cando están preñadas vendémosllas aos gandeiros a prezos máis alcanzables que se as mercasen noutros sitio. Van coas probas de paternidade e o saneamento feito. O ano pasado 42 novos gandeiros dirixíronse a Acruga para facerse con elas. A rubia galega é famosa en todo o mundo.

-Acúsano tamén de descontrol na asociación. ¿Que ten que dicir diso?

-Os controis estanse a facer todos. Desde que entrei de presidente conseguín un convenio coa Deputación, que nos permite ofrecer xovencas a todos os gandeiros a prezos máis baratos, cando as mercamos a prezos máis elevados. Conseguín un convenio coa Xunta para sacar embrións e mellorar a xenética dos touros. Fixemos moitos avances que foron recoñecidos polo Ministerio de Agricultura como a asociación que mellor funciona de España.

«É unha mentira. Non mandei aos traballadores de Acruga buscar votos para min»

«Polas xovencas pagamos 6 euros o quilo e as que van a matadoiro páganse a catro e pico»