Arte ao alcance de todos con visitas guiadas «exprés» nos Museos provinciais

A iniciativa, de balde, terá lugar todos os días entre o 1 de maio e o 30 xuño


A Rede Museística Provincial da Deputación de Lugo dá un paso máis para achegar a arte a todos os públicos ofrecendo visitas guiadas exprés. Esta iniciativa, de balde, terá lugar todos os días entre o 1 de maio e o 30 xuño. Desenvolveranse no Museo Provincial de Lugo, Museo Fortaleza San Paio de Narla, Museo Provincial do Mar e Museo Pazo de Tor

As visitas serán breves e guiadas, «cun percorrido temático acoutado por diferentes salas e dependencias de cada museo para coñecer aspectos concretos da nosa historia ou a obra de artistas de referencia». A duración aproximada de cada sesión é de trinta minutos.

MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

Estas visitas realizaranse todos os días ás 12.00h. e, agás domingos e festivos, ás 19.30h. As persoas interesadas deberán presentarse na recepción do museo cinco minutos antes da hora de inicio. O número máximo de persoas por visita será de 15 e, en caso de asistiren menores de idade, deben ir na compaña dunha persoa adulta.

Tema 1: O mundo castrexo-romano no MPLugo. Todos os días, polas mañás, ás 12.00h.

Luns: Que sabemos da cultura dos castros e dos castrexos romanizados! 

Martes: «Paulo Fabio Máximo. Legat Caesaris» A fundación de Lucus Augusti 

Mércores: Lucus Augusti. Un campamento e unha cidade amurallada

Xoves: Aras, estelas, relevos e placas funerarias. Ritos mortuorios en Lucus Augusti

Venres: Mosaicos e esculturas romanas

Sábados: Numismática: ases, sextercios, denarios… e outras moedas

Domingos: Divindades indíxenas e romanas en Lucus Augusti

Tema 2: Museos hiperconectados: Enfoques novos, Públicos novos. O 18 de maio celébrase o Día Internacional dos Museos, nesta ocasión, baixo o lema «Museos hiperconectados: Enfoques novos, Públicos novos». Todos os días, polas tardes, ás 19.30h.

Luns: Colección Xoán Anllo. Arte Africana 

Martes: Sala Sargadelos 

Mércores: Hiperconectamos coa exposición «De Picasso a Kapoor» (do 2 de maio ao 20 de xuño).

Xoves: Gravados e debuxos no MPLugo

Venres: Conectamos coa exposición «Seoane» (Sala Pazo de San Marcos: do 19 de abril ao 30 de xuño)

Sábados: Hiperconectamos coa exposición «De Picasso a Kapoor» (do 2 de maio ao 20 de xuño).

Domingos: Conectamos coa exposición «Roberto González» (MPLugo: a partir do 7 de xuño).

 

MUSEO FORTALEZA SAN PAIO DE NARLA

Todos os días, ás 13.00h e ás 18.00h, agás os luns. As persoas interesadas deberán presentarse na recepción do museo cinco minutos antes da hora de inicio. O número máximo de persoas por visita será de 15 e, en caso de asistiren menores de idade, deben ir na compaña dunha persoa adulta.

Martes: Activando as lapas da creatividade.

Mércores: Mergullando nos oficios tradicionais galegos.

Xoves: O liño, da terra ao museo.

Venres: As pegadas do Renacemento en San Paio de Narla.

Sábados: A calor do fogar na Idade Media: o braseiro.

Domingos: O escrito e a palabra na Idade Media.

 

MUSEO PROVINCIAL DO MAR

Todos os días, ás 13.00h e ás 18:00h, agás os luns. As persoas interesadas deberán presentarse na recepción do museo cinco minutos antes da hora de inicio. O número máximo de persoas por visita será de 15 e, en caso de asistiren menores de idade, deben ir na compaña dunha persoa adulta. 

Martes: A todo trapo. Os diversos tipos de velas que van xurdindo ao longo da historia da navegación, irán dando paso á aparición de novas tipoloxías de barcos, máis rápidos, máis manexables, máis seguros, dándolle a os navegantes un maior control sobre o indomable vento. 

Mércores: Os facedores de barcos, unha especie en extinción. Botarase a vista atrás, cara aos carpinteiros de ribeira, artistas da madeira, que durante séculos, coas súas mans, encargáronse de crear artefactos capaces de sucar os mares e aguantar os seus bravos embates, pero que coa aparición de novas técnicas e novos materiais, están en serio perigo de extinción.

Xoves: A ruta das estrelas. Dende a noite dos tempos a humanidade sentiuse atraída polos puntos de luz que compoñían caprichosas formas no escuro ceo, e despois de moito observar, descubriron que eran os mellores faros, os mellores mapas para guialos nas súas singraduras, dando paso así a navegación astronómica e ao xurdimento de instrumentos de navegación tan apaixonantes coma o sextante.

Venres: Máis madeira. A aparición da máquina a vapor supuxo o principio da fin da navegación a vela, dándolle aos navegantes unha maior independencia ante os caprichos do deus Eolo. Xa que no Museo do Mar contan cunha máquina a vapor aínda en activo, collerán nas mans a aceiteira e poñerana a andar para estudar o seu funcionamento

Sábados: A balea dentada. Navegando tras da estela de Moby Dick, descubrirán cales son as diferenzas entre as baleas dentadas e as barbadas, gozando da magnífica colección de mandíbulas de balea e dentes de cachalote coa que conta o Museo do Mar.

Domingos: A balea, o porco do mar. Breve e sorprendente percorrido polos múltiples e curiosos usos que tiveron as diversas partes e produtos obtidos destes xigantescos cetáceos.

 

MUSEO PAZO DE TOR 

De martes a venres, ás 10.30h. As persoas interesadas deberán presentarse na recepción do museo cinco minutos antes da hora de inicio. O número máximo de persoas por visita será de 15 e, en caso de asistiren menores de idade, deben ir na compaña dunha persoa adulta.

Martes: Viaxar, exhibirse, moverse no cotiá no século XIX.

Mércores: O descanso, as camas de xergón de lá.

Xoves: A música que nos leva e nos trae do século XVIII ao XX.

Venres: A capela de Tor. Castinande, artista aínda descoñecido do século XX.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Arte ao alcance de todos con visitas guiadas «exprés» nos Museos provinciais