Deputación e concellos regulan a ordenanza e tarifas das residencias

La Voz

LUGO

A vindeira semana avanzarán nos prezos definitivos e nos réximes de organización dos centros de maiores

18 abr 2018 . Actualizado a las 22:16 h.

O presidente da Deputación, Darío Campos, os alcaldes da Fonsagrada, Trabada, Pedrafita do Cebreiro, Ribadeo, Ribas de Sil e Pol, mailos secretarios, interventores e traballadores sociais do organismo provincial e dos municipios mantiveron onte unha reunión para definir o regulamento, a ordenanza de acceso e as tarifas das residencias e centros de días de Deputación e dos concellos. A denominada Comisión Técnica Participativa dos Centros da Terceira Idade avanzou no peche de ditos documentos, necesarios para a apertura destas dotacións sociais.

Deste xeito, o goberno provincial fixo entrega aos municipios dos borradores do regulamento de réxime interior, documento que recolle os dereitos e deberes dos usuarios, horarios e prestación de servizos, ademais da ordenanza de acceso, que establece a prioridade dos veciños dos concellos onde se sitúa o centro, logo os da bisbarra e comarca e seguidamente a lucenses en xeral. Tamén analizaron os criterios de valoración, trámites de solicitude, documentación a entregar, institución pública a cal dirixirse, e a ordenanza fiscal, que recolle as tarifas, incluíndo as axudas da Deputación de ata 600 euros ao mes para residencia e de 300 euros ao mes para xornada completa en centro de día, entre outras cuestións.

Desde o goberno provincial sinalaron que «respectando a autonomía municipal, os concellos farán durante estes días todas as súas suxestións para, a vindeira semana, manter outro novo encontro no que avanzar no peche destes documentos». Desde a Deputación prestará en todo momento asistencia técnica para homoxeneizar o posible estes documentos, tendo en conta as necesidades e situacións diferenciais de cada municipio. Unha vez pechados, os concellos deberán aprobar os mesmos nos seus respectivos plenos municipais.

Por outra parte, desde o goberno que dirixe Darío Campos, e tralas acusacións do martes do presidente de Suplusa, Manuel Martínez, de que se querían privatizar as residencias, sinalaron que o modelo será «de xestión pública directa das residencias e centros de días, establecendo con todas as garantías legais que as prazas sexan para os lucenses e que o seu acceso sexa universal, con independencia da distinta situación económica dos maiores da provincia».

O goberno socialista lembrou que son os municipios os que teñen as competencias directas en materia de servizos sociais, «porque respecta a autonomía municipal e defende que son os Concellos (alcaldes e técnicos locais) os que mellor coñecen as necesidades sociais e económicas, que son diferentes en cada territorio, para a consecución da mellor prestación pública de servizos sociais públicos para maiores da provincia nos centros de maiores públicos».

A reunión de onte celebrouse un día despois de que por outra parte Suplusa seguise adiante coa súa folla de ruta para abrir as residencias, co apoio de Martínez e os deputados do PP. Consideran que Suplusa ten a encomenda para facer este traballo.