Os Minhotos presenta nova formación e novos temas nun concerto

La Voz

LUGO

Será este venres no Clavi de Lugo e estará a cantante e gaiteira Carme López

29 mar 2018 . Actualizado a las 18:25 h.

O grupo Os Minhotos ofrecerá un concerto en Lugo este venres día 30 a partir das 23:50 no Clube Clavicembalo. O grupo interpretará novos temas e parte do repertorio do seu traballo discográfico «PINGA D´AUGA». Os Minhotos ofrecen agora temas vocais grazas á incorporación de Carme López ao grupo que, ademais de tocar a gaita e a requinta, é interprete vocal e percusionista. Os Minhotos é o son acadado e consolidado por un entender a nosa música tradicional, un xeito propio e definido que conxuga festas, pasacorredoiras, ensaios, estudos e reflexión sobor da música tradicional galega. Os Minhotos levan moitos anos adicados ao mundo da música tradicional galega, tanto no eido do ensino como no da construcción de instrumentos musicais.

Os Minhotos é o resultado do aprecio de cinco músicos galegos pola música do seu país, Galiza; sen aditivos tanto na forma coma no fondo. Os compoñentes  son: Alberto Castro: Gaita, Pandeiro, Pandeireta, Bombo; Carme López: Gaitas (Re, Do), Voz, Requinta, Percusións; Paula Fernández: Acordeón; Vitor Otero: Zanfona, Gaita, Percusións; e Xaneco Tubío: Tamboril, Pandeiro, Pandeireta, Tixoletas, Ferriño, Bombo