Funcións e obradoiros no Festival de Teatro Universitario de Lugo

LUGO

O programa será do 13 ao 21 de marzo

28 feb 2018 . Actualizado a las 21:02 h.

Deputación, Concello e USC, que integran Lugo Cultural, presentaron o Festival de Teatro Universitario, que se celebrará dende o 13 ao 21 de marzo no Auditorio Gustavo Freire e a entrada é gratuíta. Nesta XXIV edición presentaranse as diferentes propostas de teatro universitario de Ourense, Santiago e de Lugo, que conta cunha fonda tradición teatral, sobre todo no ámbito universitario. Estas compañías interpretarán os microproxectos nos que traballan estudantes de artes escénicas. A compañía de teatro da USC aposta este ano por un estudo teatral sobre Woyzeck e Kantor.

Programación

O programa é o seguinte: O 14 de marzo ás 20.30 horas e o 19 ás 21.00 horas terá lugar a actuación da Compañía de Teatro USC-Lugo da obra «WK», dirixida por Paloma Lugilde. Os billetes para esta obra retíranse no Vicerreitorado, máximo dous por persoa, o día 9 de 10.00 a 14.00 horas. O 20 de marzo, ás 20.30, terá lugar a actuación da Compañía de Teatro da USC-Santiago, da obra «Pasar por Nida», dirixida por Roberto Salgueiro. O 21, ás 20.30, terá lugar a actuación da Compañía de Teatro de Ourense Maricastaña da obra «As ondas das pedras do río», dirixida por Fernando Dacosta.

Actos complementarios

Terán lugar no escenario do auditorio, salvo os microproxectos dos alumnos da Escola de Arte Dramático no vestíbulo do edificio e o encontro aberto de Carlota Ferrer, que será na Casa do Saber, O programa é: o 13 de marzo, ás 20.00 horas, terá lugar o ensaio aberto da obra «WK». O 15 de marzo ás 12.00 horas e o 19 de marzo ás 16.30 horas terán lugar as funcións escolares de «WK».O día 17 ás 20.30 horas será o encontro aberto coa actriz e directora Carlota Ferrer. O día 19, ás 19.00 horas, a compañía Krijalbo interpretará a obra «Club de lectura». Unha dramaturxia dirixida por Félix Brixel. Á mesma hora, os alumnos Raquel Velasco, da ESAD de Vigo, e Cristian Fernández, da ESAD de Galicia, realizarán os microproxectos «Búsqueda e Introspectiva».

Do 15 ao 18 terá lugar o curso «Taller de creación», que imparte Carlota Ferrer. As inscricións xa están abertas no 982 821 513.