A Deputación presume do seu modelo de teleasistencia «fronte ao copago da Xunta»

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO

CEDIDA

O PP pide que se dote aos usuarios de dispositivos móbiles ou xeolocalizadores

27 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e a deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, informaron sobre os resultados das melloras que o goberno provincial introduciu no servizo de teleasistencia da Deputación.

Destacaron que a través da nova ordenanza de 2016 creáronse 650 novas prazas e acadouse un servizo «máis social, humano, profesional e gratuíto, así como dirixido a maiores lucenses con limitacións en canto a súa autonomía, fronte ao da Xunta que obriga aos usuarios ao seu copago e está limitado a persoas catalogadas como dependentes, deixando fóra a moitos veciños».

Santos e López sinalaron que na concesión das prazas tense en conta o grao de soidade, a capacidade na toma de decisións, a situación familiar, o ámbito ou condicións da vivenda, primando aos que viven no rural, lonxe de núcleos poboacións ou en zonas de difícil acceso, entre outros

aspectos como a idade, saúde, grao de discapacidade, ingresos ou apoios familiares.

Entre os resultados das melloras incorporadas destacaron o incremento nun 65% no número de usuarios, pasando dos 941 do 2016 aos 1.512 da actualidade, que son maiores dos 67 concellos da provincia. A Deputación, explicaron, asume todos os custos deste servizo «que no 2012 deixou

de financiar o Goberno cando o facía nun 65%».

Son 1.217 as mulleres (máis do 80% dos total) que contan coa teleasistencia da Deputación e 295 os homes (19,51%). Do total de usuarios (1.512), o 70% viven sós e o 30% acompañados de persoas de avanzada idade e en zonas eminentemente rurais. Preto do 80% dos usuarios superan os 81 anos, pois o 30% ten entre 81 e 85 anos, o 28% de 86 a 90 anos, o 17 % de 91 a 95 anos e o 4,5 % máis de 95 anos, sendo esta última a porcentaxe máis alta de toda España. «Todos estes datos constatan que o perfil maioritario desta prestación é do de muller maior de 80 anos que vive soa», explicaron.

A teleasistencia da Deputación supón unha atención diaria e un acompañamento aos usuarios, que conta cun dispositivo que só teñen que premer para contar coa chamada inmediata dun asistente. O número de chamadas realizadas durante o 2017 ascende ás 56.586 das que tan só o 2,8% das mesmas foron por emerxencias e supuxeron, polo tanto, a mobilización de recursos. E é que máis do 70% das chamadas son as que fan a diario os propios asistentes para lembrar citas médicas, toma de menciñas e ata efemérides familiares.

Exemplos de chamadas

Por exemplo, explicaron os dous deputados que chaman cando se aproxima un temporal para informar e coñecer se contan nos domicilios con todo o necesarios para o día a día. Contan cos contactos de veciños para no caso de non poder contactar con algún usuario localizalo e coñecer o seu estado. Menos do 30 % das restantes chamadas son as que fan os usuarios, sendo na súa inmensa maioría para pedir calquera tipo información (dende números de teléfono ata cuestións do fogar) ou conversar.

A Deputación conta con máis de 100 prazas libres de teleasistencia a día de hoxe, que se poden solicitar chamando ao 982 260 138.

Moción do PP

Pola súa parte, desde o grupo provincial del PP pedirán no pleno de hoxe que «se actualice e reforce o servizo de teleasistencia dotándoo de medidas complementarias como dispositivos móbiles e xeolocalizadores de persoas para ofrecer unha maior cobertura e calidade nas prestacións».

Para os populares lucenses, na actualidade o servizo de teleasistencia presta unha atención integral, «pero limitada no marco domiciliario aínda que as súas posibilidades son maiores, de feito, segundo engaden dende algunhas administracións están a facer uso de modalidades complementarias como dispositivos

móbiles ou de localización GPS de persoas que melloran a rendibilidade do servizo e favorecen a seguridade e tranquilidade dos seus usuarios».

Desde e o grupo popular sinalan que este tipo de dispositivos permitirían coñecer o emprazamento da persoa cando fose preciso e poderían colocarse ou ben no corpo, a través dunha pulseira, ou ben na roupa, co que as familias estarían máis tranquilas e garanten que os maiores sigan vivindo nos seus propios domicilios.