«Antes non pasaba, pero hoxe imos da man de Lugo nas nosas reivindicacións»

Luis Díaz
luis díaz MONFORTE / LA VOZ

LUGO

CARLOS CORTÉS

O alcalde de Monforte, José Tomé, afronta a segunda parte do seu mandato sen o apoio do BNG

11 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Tomé encara un mandato no que as diferenzas co BNG o levaron a gobernar en minoría

Xusto á entrada do despacho do actual alcalde, o socialista José Tomé, colga a imaxe do seu predecesor no cargo, Severino Rodríguez (BNG), nunha foto provista xa do aire inmaculado do Photoshop. A venda das potencialidades de Monforte está supeditada en boa medida ao desenvolvemento das infraestruturas pendentes. Fundamentalmente, a autovía entre Ponferrada e Ourense e a mellora das liñas ferroviarias Ourense-Lugo, para viaxeiros, e Monforte-Palencia, no caso das mercadorías. En tempos, Monforte non atopou moitos aliados nas súas reivindicacións. Na actualidade, segundo o alcalde, hai total sintonía coa capitalidade da provincia. «Esas reclamacións posiblemente non fosen tan unánimes noutros momentos, hoxe imos todos da man. O importante é mirar adiante», apunta Tomé.

-¿Dous anos e medio de alcalde e aínda non colgou a súa foto?

-A foto non foi unha cousa que me preocupase. A do alcalde que me precedeu ao pouco tempo xa estaba posta. Moitas veces dinmo os compañeiros do grupo de goberno: «Tes que acordarte de colocar a túa foto». Non é ningunha prioridade, pero haberá que colgala.

-O que son as cousas, a oposición di que a vostede pérdeo a ansia de saír na foto.

-Entendo que a oposición queira facer un traballo de desgaste do goberno, pero penso que esa é unha mala política. A oposición é crible se os seus argumentos están baseados na verdade. Cando o que fas é inventar cousas, non recolles beneficios políticos nin de ningún outro tipo. Se salgo nas fotos é, en todo caso, porque fago cousas. Do contrario, non sairía.

-¿Foi construtivo na oposición?

-Sempre permitín que se aprobase todo o que supoñía algo importante para Monforte. Incluso no plan xeral de ordenación municipal era partidario de seguir cosa súa tramitación cando se decidiu retiralo. Outros partidos da oposición quixeron sacar rédito do populismo e penso que foi un erro enorme. Cando o anterior alcalde deixou o cargo, dixo nos medios que contara co meu apoio nos aspectos que eran fundamentais.

-Pero vostede goberna en minoría, ¿tampouco quixo tela?

-Non, eu intentei ter esa maioría ata o final. De feito, foi a outra parte quen deixou de chegar a un acordo pola súa pretensión de fraccionar as competencias de urbanismo. Por iso se romperon as negociacións. O urbanismo nunha cidade é único, non po de haber un para o casco vello e outro para o resto. Non foi por culpa do PSOE polo que gobernamos en minoría.

-Moitas obras, pero os 20.000 habitantes están lonxe.

-¿Canta tinta se leva gastado sobre as empresas do porto seco? Pois resulta que cando chegamos ao goberno aínda non tiña depuración de augas residuais. Nós solucionamos ese tema e estaríamos encantados de dar licenza a esas empresas que se anunciaron dende Xestur, ou outras que poidan estar interesadas en vir. Esa é unha obra fundamental. Hai que fixar prioridades e eu gasto antes na depuradora do porto seco que nun paseo fluvial. Nunha ocasión pedín axuda ao presidente da hidrográfica para facer arranxos no saneamento e a súa resposta foi que non se poden gastar os cartos en paseos cando hai un problema tan gardo sen resolver. Eu tamén o teño moi claro.

-Visitou Inditex coa documentación do porto seco baixo a brazo. ¿Ve interese neste grupo por instalarse en Monforte?

-Sempre que podo, trato de facer o papel de comercial de Monforte, vender as súas potencialidades entre empresas que poidan estar interesadas. Inditex non opera co tren. Para os seus tempos de resposta, recorre ao transporte por avión ou estrada. Pero Monforte pode interesarlle para algún tipo de almacén, como os de Laracha ou Narón. Ten que haber un conxunto de empresas que saiban das nosas posibilidades, aínda que sexa a varios anos vista. Hai que estar no mercado.

-¿Cal é o seu punto forte?

-O traballo. Penso que a capacidade de traballo.

-¿E o seu maior defecto?

-Non sabería dicir, seguro que teño moitos.

-Din os propietarios do casco vello que Patrimonio é a ruína de Monforte. ¿Compárteo?

-Penso que habería que permitir a rehabilitación dos edificios cunha visión más xenerosa. As condicións de vida non son as mesmas que hai cen anos. Fan falta máis axudas, pero tamén máis flexibilidade.

-¿Remataron as liortas no PSOE?

-No PSOE non hai ningunha liorta interna. Hai compañeiros que resultaron elixidos e todo o mundo está en clave de traballar para chegar aos cidadáns. Para obter bos resultados nas eleccións autonómicas e estatais hai que telos antes nas municipais.

-¿Bótase en falta a Besteiro?

-Hai un líder claro, Gonzalo Caballero, qué secretario xeral con todas as bendicións. Besteiro pode ser útil no futuro ao noso partido, aínda que noutro papel. Estou convencido de que a investigación xudicial que condicionou a súa vida política rematará en nada. E sería bo axilizala.

-¿Algunha quiniela para as municipais en Monforte?

-Estou convencido de que teremos bos resultados.

-¿Cantos concelleiros?

-Non debo dicilo.