«Ezequiel Mosquera: «Nos Ancares non ven o potencial que ten o porto»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

JORGE PARRI

O exciclista galego pon como exemplo de promoción turística e deportiva a subida ciclista ao Ézaro

15 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ezequiel Mosquera (Teo, 1975) foi un dos «culpables» de que se dera a coñecer o Porto de Ancares, onde se chegou a celebrar un desafío que levaba o seu nome e que xa non se disputa por falta de interese institucional e empresarial. Incluso, foi nos Ancares onde naceu, xunto con dous bos amigos, a empresa Eme Sports, coa que organiza probas deportivas. Agora que se sabe que o porto pertence a Lugo, Mosquera espera que este feito sirva para darlle un revulsivo.

-Cando coñeceu o Porto de Ancares?

-Tiven a sorte de ter uns pais moi viaxeiros e leváronme de neno e esas lembranzas quedan marcadas pola maxia das montañas. Xa de adulto viaxei pola admiración que me espertaba a xente que vivía nunha zona tan illada durante séculos. Iso tamén axudou a que sexa unha zona aínda por descubrir a nivel turístico, está pouco explotada e para o ciclismo é un verxel, porque hai moitas montañas e ademais hai pouco tráfico. Creo que a comarca segue a ser unha gran descoñecida.

-O Porto de Ancares non calou como outra cimas en España, como o Angliru, por estar lonxe de cidades?

-Iso tamén o pensaba eu, pero a resposta da xente que houbo nas etapas do 2012 e do 2014 foi masiva. Nun lugar onde aparentemente non hai nada, estaba abarrotado de público. Sorprendeume. Hoxe pódese chegar en menos de dúas horas desde Lugo ou Ponferrada, e Santiago a tres. É máis un problema de querer apostar por este porto.

-Pois é unha mágoa porque ten perfís propios dunha etapa Tour ou Giro.

-Pódense facer encadeados de portos coma as etapas máis duras do Giro e do Tour, pero a diferenza destas voltas, non hai puntos de poboación fortes economicamente que sosteñan o custe dunha etapa nos Ancares. Por exemplo, creo que en Piornedo debería acabar si ou si unha etapa. A xente que veu no 2014, incluídos galegos, quedaron flipados con Piornedo, un lugar que é parte da nosa historia.

-Quizais que non se soubese se era de Lugo ou de León influíu.

-E que sempre foi de Galicia, incluso o libro de ruta de La Vuelta así o reflectía. O Porto de Ancares ten catro vertentes moi duras, pero a única que é cen por cen galega é precisamente a de Pan de Zarco, esa lingua que chega ata o alto do cumio. Pero na etapa do 2014, no podio estaba o alcalde de Candín e o presidente da Deputación de León. Ao alcalde de Navia non o invitaron. Eu ía coa Radio Galega de comentarista e paramos na cabana de Pan de Zarco onde estaba o alcalde de Navia facendo churrasco cuns amigos e ofrecémoslle unha invitación. Dixémoslle: ‘Non deixes que che quiten o porto Manuel, que é teu, todo teu’. Sempre foi lucense, díxenos en antena ese día e a xente de alí sempre o tivo claro.

-Agora hai unha oportunidade.

-Propuxen aos concellos da zona facer algo, pero creo que falta cultura deportiva, non ven o potencial real que ten esta zona. Por exemplo, en Dumbría, co fenómeno do Ézaro, si viron claro que teñen petróleo. ¡E mira que Ézaro queda lonxe! Agora a subida ao Ézaro vai participar nunha liga mundial de 21 probas World Series e vaise presentar este mes en Fitur. Tiveron claro que ‘que se aquí non ven La Vuelta, imos a seguir nós’. Pasaron de ter na Oficina de Turismo unhas 2.000 visitas no 2012 a 60.000 no 2017. E que veña a Ancares La Vuelta só será se alguén por diñeiro.

-A nivel ciclista, con que porto o asemella máis?

-Ata arriba de todo só está un pouco por debaixo do Angliru. Ancares ten un 9,3% de media e o asturiano chega ao 9,8%. Si que se asemella ao Mortirolo, salvo uns 500 metros dun falso chan que hai ao pasar Pan de Zarco. Porto de Ancares é terrible. Sempre lembro a visión que hai na estrada cando se estreita e ves ese peñasco que parece irreal.