O BNG propón apagar dez semáforos da Ronda para dar máis axilidade ao tráfico

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO

No disponible

Os nacionalistas volven a reclamar que se fagan dúas rotondas

04 ene 2018 . Actualizado a las 21:44 h.

Levantar dez semáforos da Ronda da Muralla para dar maior axilidade ao tráfico. Esa é unha das propostas que fai o BNG ao equipo de goberno municipal. Segundo o voceiro da formación, Rubén Arroxo, os resultados de seguro que serían exitosos tendo en conta o acontecido en Pontevedra. Cun límite de velocidade a 30 quilómetros por hora, como é o caso do entorno da muralla, a velocidade media dun vehículo pasaría a ser duns 24 quilómetros por hora, mentres que coa limitación a 50, a media achegaríase aos 18 por hora, debido as paradas nos semáforos.

Asemade, Rubén Arroxo dixo que era necesario actuar dunha vez por todas nas Fontiñas. «En ámbolos dous casos, hai case un ano o goberno escudouse na petición de informes pero a día de hoxe non sabemos nada deles», apuntou o voceiro nacionalista.

En febreiro de 2017, lembrou o concelleiro nacionalista, o goberno municipal anunciou, logo das propostas do BNG, a posibilidade de ampliación a dous carrís en Fontiñas, para dar axilidade á circulación. O tramo é dos mais saturados da cidade na actualidade. Así, hai veces nas que se tarda case un cuarto de hora en atravesar dous quilómetro e pico. Nese mesmo tempo un vehículo chega a Baamonde pola autovía, aína que a distancia e de vinte.

Entenden que é preciso eliminar unha das dúas liñas de aparcamento porque, ademais, os turismos aparcados impiden a visibilidade en moitos lugares e son un problema para garantir a seguridade aos usuarios da avenida.

Os semáforos que sobran

Segundo os estudos feitos polos nacionalistas, os semáforos que terían que ser levantados son os das inmediacións de Montero Ríos, Porta de San Fernando, Porta Miñá, entrada da rúa Vilalba, Nicomedes Pastor Díaz, Castelao, Rúa do Teatro, Lois Cordeiro, Monforte e Camiño Real.

Os pasos de peóns situados nas proximidades deses semáforos terían que ser elevados para calmar o tráfico e dar unha maior protección ás persoas.

En canto as rotondas, no BNG entenden que deben ser habilitadas na rúa Castelao e en San Fernando/Avenida da Coruña.

«Ao beneficio da fluidez circulatoria hai que engadir os beneficios dunha menor contaminación atmosférica e acústica e un menor risco de accidentes e atropelos», apuntou o voceiro municipal dos nacionalistas.

Máis seguridade nos cruces da Milagrosa

Na Milagrosa faise necesario adoptar medidas de seguridade nalgúns cruzamentos nos que xa houbo varios atropelos e tamén choques de turismos. Aínda nos últimos días do ano un condutor atropelou e causou feridas a dous peóns.

O vicevoceiro do PP, Enrique Rozas, asegurou que hai perigo nas interseccións das rúas Milagrosa, Curros Enriquez e Valle Inclán. Segundo o concelleiro popular, os veciños e comerciantes do barrio están preocupados. «É necesario colocar elementos visuais que avisen con antelación suficiente aos condutores da proximidade dun paso de peóns, xa que, cando hai néboa ou choiva ,os accidentes aumentan por mor dunha visibilidade reducida.

Enrique Rozas entende que non só han de ser colocados sinais verticais senón que tamén sería unha boa opción a instalación de elementos visuais no chan para aumentar a visibilidade e a seguridade dos peóns ao cruzar a rúa. «As malas condicións climatolóxicas contribuíron aos dous últimos atropelos e a un choque», dixo Rozas.