Os Gobernos do Concello e da Deputación impulsan melloras para os 98.134 veciños e veciñas luguesas por 2,7 millóns

La Voz

LUGO

O organismo provincial está a acometer as obras para iluminar o paseo do río Rato, cunha achega económica de 750.000 euros

26 dic 2017 . Actualizado a las 13:15 h.

ALUMEADO PASEO RÍO RATO. Cunha achega económica de 750.000 euros, a Deputación de Lugo está a acometer as obras para iluminar o paseo do río Rato. En concreto, actúase en 7 quilómetros entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón, e situaranse 283 puntos de luz ecolóxicos (LED), dos que 103 se sitúan na estrada e 144 no paseo. Serán luminarias ecolóxicas, ás que se lle pode regular a intensidade lumínica. Estre proxecto obedece ao modelo que defende o Goberno Municipal, de recuperar o uso das zonas verdes, a facer unha cidade máis amable e máis cordial, e de mellorar a seguridade nesta zona que viu incrementado o número de usuarios desta vía ao non ter a ronda leste.

DEPORTES: Deputación e Concello de Lugo asinaron un convenio para a renovación do céspede dos campos de fútbol de Frigsa e A Cheda, dotado con 500.000€. Deputación e Concello mellorarán con 235.000 euros o campo de fútbol da Cheda e con 265.000 euros o de Frigsa. As obras nestes dous campos consistirán na renovación do sistema de céspede artificial, que debido ao desgaste, xa aconsella a súa renovación. Con este investimento dotarase a estes dous campos de fútbol dun céspede de ultima xeración e adaptado ás normas e esixencias actuais.

INFRAESTRUTURAS. Os executivos local e provincial tamén asinaron un convenio de colaboración para desdobrar e humanizar a Avenida Duquesa de Lugo, unha gran obra nunha das arterias principais da cidade e punto de entrada a Lugo, onde vive un terzo dos veciños da provincia, e unha vía que une aos dous polígonos industriais lugueses, o do Ceao e o das Gándaras. O organismo provincial achega un millón de euros en tres anualidades para estas obras, coas que se busca darlle fluidez ao tráfico e garantir a seguridade na circulación nesta vía, na que, a día de hoxe, existen dous tramos que se atopan sen desdobramento, configurando unha calzada única con doble sentido de circulación, carentes de beirarrúas.

Esta humanización contempla a previsión dun carril bici, un paso máis en devolverlle a cidade aos peóns e aos ciclistas e un paso máis en busca de gañar espazos públicos.

PARA DESTACADO: A meta do Goberno do Concello e da Deputación é ser útil aos veciños e veciñas, e con estas actuacións, ambas institucións cumpren demandas da cidadanía.

PLAN ÚNICO: O Concello de Lugo vén de adxudicar as obras de pavimentación e servizos en 11 rúas e unha urbanización do municipio, tanto da zona urbana como rural, enmarcadas no Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos, impulsado polo Goberno da Deputación. Trátase de tarefas financiadas nun 70% pola entidade provincial e un 30% pola local, cun prazo de execución de tres meses a partir da sinatura do contrato.

Concretamente, as actuacións, que se licitaron en cinco bloques diferentes, acometeranse na rúa Flor de Lis (no barrio de Abella), na urbanización Bellavista (na parroquia de Esperante), nas rúas Filgueiro, Mestre Méndez, Da Silva, Mazaira, Das Pías, Casas Vellas (na zona da Abella) Fonmiñá e Piñeiral (nas Gándaras) e rúas Xesta e do Freixo (no centro). Trátase de obras demandadas pola veciñanza e de consenso político, moitas delas solicitadas por distintos grupos da Corporación.

CULTURA. En materia de cultura, os Gobernos do Concello e da Deputación ofrecen ao longo de todo o ano distintas alternativas culturais, tanto aos veciños e veciñas de Lugo, como aos visitantes. O festival Blues Museum ou a progrmación Ágora Cultural son algúns dos exemplos.