A Deputación renovou o complexo turístico de Augas Mestas

La Voz

LUGO

A entrada en funcionamento da instalación suporá un impulso económico para a Ribeira Sacra

13 dic 2017 . Actualizado a las 12:49 h.

A Deputación de Lugo investiu un total de 91.700 euros nas obras de renovación do complexo turístico de Augas Mestas, unha instalación situada na confluenza dos ríos Lor e Sil, no municipio de Quiroga, en plena Ribeira Sacra.

 A empresa Manuel Nóvoa Castro S.L. foi a encargada de realizar esta actuación. A firma que asumirá a xestión e o aproveitamento da instalación será Tourgalia, que ten previsto investir máis de 150.000 euros na dotación de mobles e decoración. O obxectivo desta empresa é que o complexo de Augas Mestas entre en funcionamento a principios do ano 2018.

Esta instalación dispón de tres áreas diferenciadas. Un restaurante, que inclúe cafetería con piscina, catro bungalós de seis prazas cada un, vinte parcelas para caravanas e un cámping. Ademais da área de acampada, o complexo conta con  outra área de aloxamento rural, que inclúe tres casas de pedra, dotadas de cociña, salón comedor, baño e dormitorio.

O complexo turístico de Augasmestas ocupa unha superficie de preto de dez hectáreas e está enclavado nun lugar estratéxico, no que entran en contacto os ríos Lor e Sil. Na beira destes cursos fluviais, o visitante poderá gozar de actividades como a pesca, o sendeirismo, os paseos en kayak, unha ruta en catamarán polos canóns do Sil ou simplemente gozar da paisaxe e dos produtos da zona no remozado restaurante.

O complexo de Augas mestas foi construído pola Deputación en 1996, pero dende entón os seus períodos de actividade foron moi reducidos. As instalacións ampliáronse no 2004, pero só dous anos despois pecharon. A Deputación intentou reactivar a súa actividade a partir do ano 2008 establecendo un acordo cunha entidade sen ánimo de lucro que tiña por obxectivo convertilo nunha residencia vacacional adaptada pero a crise económica deu ó traste con esta posibilidade. Coa nova inversión da Deputación a instalación poderá entrar en funcionamento en próximas datas.