O Espazo de Danza do Campus de Lugo cumpre 20 anos de actividades

LUGO

OSCAR CELA

Nacía en decembro de 1997, da man do seu actual director Juan Carlos Zahera, unha das iniciativas culturais máis interesantes da cidade

12 dic 2017 . Actualizado a las 21:43 h.

En decembro de 1997, co impulso de Juan Carlos Zahera, botaba a andar unha das iniciativas universitarias máis importantes da actividades cultural da cidade: O Espazo de Danza da USC. O xerme fora un laboratorio de danza contemporánea e que se consolidou no seu momento como unha experiencia pioneira en España.

Nunha sala da Facultade de Veterinaria comezaba a andar esta aventura que vinte anos despois xa está consolidada e que conta cunha bagaxe de máis de 200 actuacións en preto dun cento de festivais, seminarios, foros, exposicións ou reunións científicas. Algunhas delas foron en varios países de Europa e América.

A estrea oficial do Espazo de Danza foi nun lugar onde regresaría en varias ocasións: a Sala dos Mosaicos do Museo Provincial, que tamén se estreaba naquel 1997. A peza inaugural levaba por título «O Museo» e nela participaron universitarios. Co tempo, o Espazo de Danza foi ampliando os obradoiros de formación e poñendo en escena coreografías coa pretensión de fusionar a danza con artes plásticas, música, pintura, escultura, arquitectura, fotografía, vídeo ou calquera outra expresión cultural.

Durante estes vinte anos, o Espazo de Danza foi chave para proxectos de compañías que xurdiron tanto en Santiago como en Lugo. Na capital lucense saíron Mu-Danza, Zur2 Danza, Fíos Roxos, Camiños ou Son’s. Seguen vivas as dúas formacións da USC de ambos campus e incluso unha do cuarto Ciclo Universitario, Sen Vergoña.

Quizais para o público en xeral, os encontros universitarios, desde hai uns quince anos, é a parte máis visible do Espazo que dirixe Zahera. Os lucense puideron gozar con diferentes propostas en grandes escenarios, como o auditorio, como nas rúas e prazas da cidade.

Pero quizais do que máis orgulloso se senten desde o Espazo de Danza foron os profesionais que saíron das súas aulas, como Amparo Novas, Alba Barral, René Rivera, Nuria Sotelo, Uxía P. Vaello, Begoña Cuquejo, Marta Alonso, Xiana Vilas, Fiona Bernáldez, Isabel Sánchez, Celso Pereira, Rosa Acuña, Paula Quintas, Triana Doce, Mónica Suárez, Patricia Coucheiro ou Maciej Sado.