Constitución

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

12 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimos de facer festa aos 39 anos da Constitución, venerada por algúns, rexeitada polos independentistas e cuestionada por moitos que queren cambiala sen saber ben por qué.

Ese día, no ámbito internacional, Donald Trump acaparou a atención mundial por trasladar a embaixada USA en Israel de Tel Aviv a Xerusalén, ofendendo ao mundo árabe polo que supón de inxerencia na vella contenda entre xudeus e palestinos. Cataluña seguiu a ser referencia obrigada, coa campaña electoral en marcha, o principiño Puigdemont no seu planeta imaxinario, e os excarcerados gozando da posta en liberdade.

Pero a mais importante noticia do día non se tratou máis ca de pasada nos medios informativos, aínda que Trafico prognosticara millóns de desprazamentos, e que moita xente ía celebrar ao seu xeito o Día da Constitución e festas inmediatas, poñendo terra por medio, gozando da vida e da viaxe, sempre que as condicións económicas o permitiran.

Pois Galicia invadiu Portugal. Aínda que esta noticia é confidencial, puiden comprobar que Valença do Miño e poboacións inmediatas, foi invadida por unha multitudinaria expedición galega, formada por familias enteiras, con numerosos nenos, que encheron comercios e restaurantes, rúas e prazas, facendo escoitar as súas palabras, notar a súa presenza e acreditando o triunfo do turismo ocasional.

Pode Trump facer todas as toleadas do mundo, e os independentistas querer deixarnos sós, que o que vale é a imaxe dunha familia de noso que, diante dunha festa de gardar, colle o coche e vai descubrir novos mundos, precisamente porque llo permite a Constitución.