«O cambio climático está para quedarse e vai a condicionar a produción forestal de Galicia»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

ÓSCAR CELA

El profesor Roque Julio Rodríguez Soalleiro, profesor da Escola Politécnica, considera clave que o medio rural «sexa activo e vivo»

21 nov 2017 . Actualizado a las 22:11 h.

O enxeñeiro de Montes e catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago, Roque Julio Rodríguez Soalleiro, participou onte no ciclo de conferencias sobre o cambio climático e o sector agrario galego que organiza a Real Academia Galega de Ciencias na Deputación de Lugo. O ciclo seguirá hoxe, ás 19.30 horas cunha mesa redonda sobre a biodiversidade, que moderará o catedrático lucense Antonio Rigueiro, e rematará o mañá coa intervención da directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta, María Cruz Ferreira Costa.

-¿Como se está a adaptar a produción forestal galega ao cambio climático?

-Primeiro hai impactos esperables na produción forestal, por outro lado está a adaptación dos montes a esta nova situación e como terceiro piar podemos dicir cómo se pode mitigar ou cómo se pode contribuír, de xeito sostible, a fixar carbono coa produción de madeira, como unha boa substitución dos recursos fósiles e así poder xerar biomasa. O problema é que en Galicia estamos agora nun marco de abandono do medio rural, especialmente no sur, que trae consigo un aumento dos lumes, que á súa vez determina grandes emisións de carbono que suben a atmosfera, co cal incide de xeito negativo no cambio climático, e polo tanto xera un perigo polas condicións meteorolóxicas que traen consigo períodos de secas máis longos, incendios de grande actividade e máis difíciles de extinguir.

-O panorama de futuro non é positivo porque o cambio climático parece que está para quedarse.

-É algo clarísimo e xa o estamos a vivir a diario. Agora as incertidumes que temos son de futuro, de cómo evolucionará o seu impacto no medio. Todo dependerá de se as emisións ao ceo seguen a un ritmo tremendo ou se se estabilizan. Pero xa máis en concreto, o impacto no eido forestal galego pode traer consigo maiores riscos de incendios, con temporadas máis longas de riscos de lumes. E se a iso lle asociamos a intensidade de patóxenos foráneos, e xa temos varios exemplos que nos acompañan e que nos dan moito problema porque co cambio climático se asentan mellor, temos un escenario no que o crecemento forestal non será positivo. Ademais, todo este proceso de cambio provocará déficits hídricos que van a condicionar o crecemento e o aumento das masas forestais, aínda que isto será o de menos.

-Habería logo que cambiar criterios á hora de abordar a produción forestal, porque os que se aplicaban hai dez ou quince anos non valen para o escenario no que estamos agora.

-E que o cambio que estamos a percibir agora xa o vimos arrastrando desde hai tempo. A clave é a necesidade do mantemento do medio rural, meterse a afrontar cuestións estruturais que hoxe son un lastre para o desenvolvemento do rural. É necesario un medio rural vivo, onde haxa unha xestión activa do recursos. Se hai abandono, todo se verá influído negativamente, o eido forestal, o gandeiro, o agrícola... E un exemplo do malo acabamos de vivilo hai un mes cos incendios, que por certo foron lumes rurais máis que forestais.