O Campus elabora un invernadoiro ecolóxico inspirado nun deseño de Leonardo Da Vinci

LUGO

A estrutura, feita con madeira de piñeiro, estrea un espazo agroecolóxico na sede universitaria luguesa

17 nov 2017 . Actualizado a las 22:30 h.

O Campus Terra de Lugo construíu un invernadoiro ecolóxico inspirado nun deseño de Leonardo Da Vinci. Trátase dunha estrutura de madeira de piñeiro, arqueada, coa que se estreará un espazo agroecolóxico na finca de prácticas que a Escola Politécnica Superior ten no barrio lugués de Sanfiz.

Segundo explican desde a USC, a valorización dos recursos forestais e o aproveitamento da madeira para usos estruturais é un dos obxectivos desta iniciativa. «A construción da cuberta (gridhsell) de eucalipto instalada hai uns meses no lateral dun dos pavillóns da Politécnica serviu para facer visibles as múltiples utilidades e prestacións que ofrece a madeira para solucións de obra civil ou edificación. O camiño iniciado pola Plataforma de Madeira Estrutural (Pemade) da USC co desenvolvemento desta estrutura singular e pioneira no mundo, atopa agora continuidade coa instalación do invernadoiro de madeira de piñeiro».

Esta é a primeira infraestrutura feita integramente de madeira que se levanta na finca de prácticas da EPSE e encádrase nas actuacións desenvolvidas co programa TerraUSCvida, un proxecto de investigación coordinado polo profesor do departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Xan Neira Seijo, e que contou con financiamento do Consello Social da USC. O invernadoiro estará dedicado á produción ecolóxica e á reprodución de sementes libres e autóctonas, segundo explicou Neira Seijo. O tamén vicepresidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (Seae) sinalou que o uso previsto para este invernadoiro propiciou que a súa construción respondera tamén a criterios ou parámetros ecolóxicos, razón pola que se optou por empregar materiais de baixo impacto ambiental ou ecolóxicos, como é o caso da madeira de piñeiro.

O deseño do invernadoiro é obra do equipo humano de Espiga, quen traballou nesta actuación en colaboración coas empresas CasaBio e Decologic, que se ocupou da aplicación de aceites e demais tratamentos necesarios para preservar a madeira da infraestrutura. A armazón xa está montada sobre o terreo, grazas á colaboración de persoal voluntario, á espera dunha cubert, segundo relatan desde a USC.

«Trátase dunha construción orientada á vida e respectuosa coa saúde dos seus moradores e do medio ambiente», salienta Neira Seijo, ao tempo que engade que este tipo de solucións arquitectónicas nas que se empregan materiais sostibles e libres de tóxicos, procuran a máxima eficiencia enerxética e son válidas tamén para dar acubillo tanto a animais como a persoas.

Non precisa elementos externos de suxeición

Segundo detallaron desde a USC, o invernadoiro ecolóxico do  Campus Terra presenta «unha estrutura recíproca baseada na ensamblaxe tridimensional de elementos que se apoian mutuamente uns noutros e garanten así o equilibrio da construción». Este tipo de arquitectura está inspirada nun deseño de Leonardo da Vinci coñecido como «Ponte Da Vinci» e que está recollido no Códice Atlántico, un dos volumes incluídos no Codix Matritensis (Madrid, 1965).

O arco ou ponte deseñado inicialmente por Da Vinci é unha solución construtiva que se adapta ben «para salvar grandes luces a través do emprego de pezas curtas, manexables e de doada provisión». Por iso, un dos méritos que presenta a estrutura ou armazón deste invernadoiro ecolóxico atinxe ao feito de que non precisa ningún elemento externo de suxeición, xa que cun bo estribado ningunha peza de madeira pode saír da súa posición.

Árbores autóctonas e ensaios de regas

O invernadoiro de madeira está chamado a ser o elemento máis visible do futuro espazo agroecolóxico habilitado na finca de prácticas do Campus. De feito, esta infraestrutura presidirá, a xeito de atalaia, unha pequena parcela de terreo na que está prevista a plantación de, entre outras especies, árbores froiteiros autóctonos e no que tamén se instalarán sistemas de aproveitamento de augas pluviais, a fin de poder desenvolver así ensaios de rega.