Un coloquio sobre a romanización citará en Lugo a investigadores de 18 universidades

LUGO

As xornadas terán lugar entre os días 22 e 24, en Humanidades

13 nov 2017 . Actualizado a las 14:37 h.

Un coloquio sobre a romanización citará en Lugo a investigadores de 18 universidades de España, Francia, Inglaterra e Portugal. As xornadas internacionais, «Sine Iniuria in Pace Vivatur. A construción do Imperio durante os Xulio-Claudios», celebraranse entre os días 22 e 24 na facultade de Humanidades. O coloquio servirá de epílogo do proxecto de investigación de excelencia do Mineco «As fundacións urbanas en Gallaecia e a creación dun novo espazo administrativo». O coloquio foi presentado na Deputación pola deputada Pilar García Porto; o vicerreitor Javier Bueno Lema; e os organizadores Manuel Villanueva Acuña e María Dolores Dopico, do departamento de Historia da USC.

As xornadas permitirán afondar no coñecemento dos cambios experimentados polas sociedades indíxenas durante o período do imperio romano que abrangue desde o século I antes de Cristo ata a segunda metade do século I despois de Cristo. Os directores deste foro internacional sinalaron que nesta reunión científica participarán como relatores 25 profesores e investigadores procedentes de 18 universidades de España, Francia, Inglaterra e Portugal.

A temática sobre a que versarán os distintos relatorios programados ao abeiro deste coloquio internacional está estruturada en cinco áreas diferenciadas, como o son o cambio de concepto de república a imperio, as transformacións das comunidades e dos seus territorios, a integración social, os elementos ideolóxicos e a creación dun novo espazo administrativo nas cidades da Gallaecia.

 As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición neste coloquio, estruturado en 30 horas lectivas e orientado a estudantes, investigadores e titulados no ámbito das ciencias sociais poden cumprimentar a súa matrícula ata o 18 de novembro. O formulario está accesible na web da Facultade de Humanidades da USC.