¿Por que abriu en Lugo o primeiro instituto de Galicia?

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

A exposición «Aqueles profesores» inaugura os actos para lembrar a historia do IES Lucus Augusti

20 oct 2017 . Actualizado a las 13:02 h.

A historia recente de Lugo non podería entenderse sen o IES Lucus Augusti -coñecido popularmente como Masculino-, o primeiro instituto de Galicia e un dos primeiros que abriu en España. O próximo 30 de novembro cumpriranse 175 anos da súa apertura, un feito que cambiou a historia da cidade e dos lucenses. Para celebralo, desde o centro elaboraron un amplo e variado programa de actividades lúdicas e culturais, que se irán desenvolvendo ao longo do curso.

Pero, ¿por que o IES Lucus Augusti foi o primeiro instituto que abriu en Galicia? Como ocorre habitualmente, os motivos son varios. En Lugo había nese momento, no ano 1842, un escenario cultural, social e político propicio para elo: presenza da Sociedad Económica de Amigos del País de Lugo, burgueses que reclamaban un instituto, papel dos deputados progresistas da Deputación lucense... E, ademais, segundo conta Manuel Celso Matalobos, catedrático de Lingua e Literatura Galegas do IES Lucus Augusti, o xefe do Consejo de Ministros era, por aquel entón, o lucense José Ramón Rodil, máis coñecido como o marqués de Rodil, que moveu os fíos para que o instituto lucense fose unha realidade.

Empezan as actividades

O catedrático Manuel Celso Matalobos, profesor do instituto lucense, coordina a comisión que deseñou os actos. O primeiro deles é unha exposición que abriu onte as súas portas no vestíbulo do propio centro. Trátase da mostra Aqueles profesores, con expedientes académicos, libros e outros materiais de máis de vinte profesores, xa falecidos, que nalgún momento impartiron clase no decano dos centros de ensino secundario en Galicia.

Exposicións, recitais, visitas...

Esta será a primeira dunha lista de exposicións que se irán abrindo a medida que avance o curso: Material escolar que xa é historia, Historia do instituto (documentos, obxectos, publicacións...), Aqueles alumnos, Os mecenas do Instituto (doazóns de Isaura Cepeda, D. Froilán, Bieito Fernández, Valentín Portabales...), Fotografías antigas do centro (do fondo fotográfico e outras achegadas por familiares do alumnado), Os institutos históricos de Galicia, Libros curiosos, Escritores do Instituto homenaxeados no Día das Letras Galegas e Exposición de exposicións (carteis de autor).

Actuarán Mini e Mero

Ademais das exposicións, haberá outra serie de actividades, para as que aínda non hai datas pechadas: recital de Mini e Mero, que foron alumnos do instituto lucense; elaboración dun periódico do centro; dixitalización de libros históricos por parte do equipo da biblioteca; inauguración das novas instalacións do museo, o arquivo e a biblioteca histórica; encontro de artistas do Lucus Augusti; conxunto escultórico de Xoán Vila para a entrada do centro; visitas ao centro de antigas promocións de alumnos; e diferentes conferencias.

Libros «tendidos» pola fachada do centro e liberados pola cidade

O 30 de novembro é o día que se cumpren 175 anos da apertura do IES Lucus Augusti. Para esa data está programada unha das actividades máis orixinais, a performance IES Lucus Augusti: 175 anos tendendo cultura. Segundo explica Manuel Celso Matalobos, colocarán por toda a fachada do centro unha corda de tender a roupa e nela colgarán con pinzas 175 libros, protexidos en bolsas, para ilustrar a metáfora de «tender cultura». Parte deses libros serán logo liberados por distintos puntos da cidade, outra parte das obras serán sorteadas entre o alumnado do centro e outra parte pasará a formar parte do fondo bibliográfico da biblioteca do instituto.

Ese mesmo día tamén se celebrará unha mesa redonda coa participación de antigos alumnos e profesores, baixo o título O instituto, antano e hogano.

Concursos para alumnos

Por outra banda, convocaranse tres concursos para o alumnado: de marcapáxinas, fotográfico e literario. Tamén se elaborará material de merchandising (pancartas, mochilas, lapis...), elaborarán o cómic Lucas Augusto e confeccionarán un especial en formato dixital coa historia do centro, fotografías, relatos e memoria de actividades.