A Xunta mellora a seguridade en 16 puntos do Camiño Primitivo

La Voz

LUGO

As intervencións son en tres carreteras autonómicas polas que teñen que atravesar os peregrinos

06 oct 2017 . Actualizado a las 19:40 h.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ven de adoptar medidas de seguridade viaria en 16 puntos correspondentes a tres estradas autonómicas polas que atravesan os peregrinos que percorren o Camiño Primitivo. 

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, supervisou os resultados nun dos tramos que presenta maior risco para os peregrinos, o da estrada LU-530 ao seu paso por Carballido, no municipio de Lugo, onde se ven obrigados a percorrer 1,5 quilómetros pola beiravía. Neste punto,instaláronse dúas sinais luminosas -unha en cada sentido da marcha- advertindo da presencia de peóns na estrada, así como bandas transversais de alerta -as coñecidas como bandas sonoras-.

En xeral, as actuacións consistiron na colocación de sinais ordinarias de advertencia de perigo, reforzando a sinalización xa existente. Nalgúns puntos tamén se adaptou a velocidade máxima permitida e, nos de peor visibilidade, instaláronse bandas transversais de alerta sobre o pavimento, para que os vehículos reduzan a velocidade. As intervencións localízanse en cruzamentos entre o Camiño Primitivo e as estradas autonómicas LU-701, LU-232 e a citada LU-530. 

Para concretar os detalles da actuación, os técnicos da AXI realizaron un estudo pormenorizado dos 120 quilómetros do Camiño Primitivo ao seu paso pola provincia de Lugo, entre O Acevo (A Fonsagrada) e Palas de Rei, analizando todas as interseccións con estradas autonómicas, as condicións de visibilidade, a distancia de freado e as condicións de sinalización e situación dos pavimentos. 

Despois desta análise, advertiuse a necesidade de mellorar a seguridade en dez puntos do municipio da Fonsagrada, tres en Lugo, dous en Castroverde e un en Baleira. Así, mellorouse a sinalización nas interseccións da LU-701 co Camiño en Fonfría, Barbeitos, Silvela e Paradanova, núcleos do municipio da Fonsagrada. Polo que respecta á LU-530, melloráronse dous cruces en Padrón, outros tantos en Caserío Veiga, e os de Xestoso de Riba e A Calzada, na Fonsagrada; en Baleira o cruce do Monte da Matanza; en Castroverde as interseccións á entrada e á saída do casco urbano, e no concello de Lugo as de Carballido e Manzoi. Por último, actuouse na intersección da LU-232 coa Louzaneta, en Lugo.

 Premios Camiño de Santiago

Na visita aos traballos realizados participou tamén Ángel Trabada, circunstancia que o delegado territorial aproveitou para felicitar á entidade que representa por ter merecido un premio de Turismo de Galicia, dotado con 5.000 euros, polo seu labor a favor das rutas xacobeas na provincia.