Apoio da Deputación aos escritores en lingua galega

La Voz

LUGO

CEDIDA

A asociación galega recibe con agrado a contribución do organismo provincial, nun momento no que baixaron as edicións en galego. O día 21 serán  as Xornadas de Literatura Oral: Palabras con Memoria

05 oct 2017 . Actualizado a las 11:06 h.

O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias; e o vogal de Literatura de tradición oral de dita asociación, Antonio Reigosa, informaron dunha nova colaboración entre ambas institucións para promocionar e impulsar o uso do galego, facendo fincapé na promoción dos escritores así como da súa produción literaria. Trátase dunha colaboración de 20.000 euros do Goberno da Deputación coa que se organizará, entre outras actividades, as décimas Xornadas de Literatura Oral: Palabras con Memoria, que terá lugar o vindeiro 21 de outubro no salón de actos do Pazo de San Marcos.

Santos Ramos valorou a precaria situación que está a sufrir o uso do galego, tanto no eido oral, como no escrito. Neste senso, apuntou que, por exemplo, a edición de libros en galego baixou nun 13,1% durante o 2016, unha caída que contrasta co bo momento que viven o español, o catalán e o vasco, que aumentaron. Ademais, no que a produción se refire, o galego baixou nun 48%, a diferenza da produción en castelán, que se incrementou nun 7,5%; en catalán, cun 7,2%; ou en éuscaro, que foi dun 34,5 %. Cómpre subliñar que, en 2016, editáronse 86.000 títulos en todo o estado. O 85,5% deles en español, 10% en catalán, 2,1 % en vasco e, por último, o 1,5% en galego. 

O presidente da AELG puxo en valor a relación da asociación co Goberno da Deputación  «que foi sempre de amizade e fraternal, que nos permitiu acadar determinados obxectivos. Sen este tipo de colaboracións do Goberno da Deputación, os escritores non poderiamos levar adiante as funcións non só individuais da escritura, senón tamén as sociais».

Xornada de literatura Oral

Grazas á achega do Goberno da Deputación, a AELG celebrará en Lugo da décima Xornada de Literatura Oral, que terá lugar o sábado, 21 de outubro, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Nesta ocasión, farase fincapé nas palabras con memoria, sobre todo no eido da toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía. 

Con esta xornada, o que se busca é recuperar palabras nosas en desuso, ou sexa, en perigo de extinción, do idioma galego; así como aquelas palabras e expresións que non recollen os dicionarios. Os interesados en participar deberán inscribirse a través do correo oficina@aelg.org. 

Na xornada, participarán reputados expertos na materia como Xulia Marqués Valea; Gonzalo Navaza; Isidro Novo; Mª Rosario Soto Arias; Xesús Antón Gulías ou Marcos Escudero, entre outros. A programación é a seguinte: 

Mañá

10:15 horas.- Recepción, entrega de material e inauguración

10:30-11:30 horas.- Conferencia: Os sinais de identidade na tradición oral: breve achegamento dende o sistema antroponímico galego, a cargo de Xulia Marqués Valea 

11:30-12:30 horas.- Conferencia: Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio, a cargo de Isidro Novo

12:30-14:00 horas.- Mesa redonda: Saber o seu nome sen perder a súa voz, coa participación de Xulia Marqués Valea, Isidro Novo e Antonio Reigosa