A curiosa relación entre o castro da Piringalla e a Muralla romana

adolfo de abel vilela LUGO

LUGO

Catro ferrados de centeo producido na agra do castro sufragaban o culto na capela da porta de San Pedro

18 sep 2017 . Actualizado a las 18:47 h.

¡Como pasa o tempo! Fará dez anos en decembro de 2007, que apareceron diversas pezas de cerámica e outros elementos pertencentes a un asentamento castrexo romano ao facer unha nova canalización pola rúa Mar Cantábrico para a auga potable que sobe desde a estación depuradora do río Miño aos depósitos da Piringalla. Seguramente ocorreu o mesmo ao facer as cimentacións das casas da rúa Aceroleiro, pero como adoita ocorrer nestes casos, ocultaríanse os achados ou por ignorancia ou por temor xustificado á burocracia. Neste caso, como a obra era pública os arqueólogos actuaron e déronnos a noticia de que alí había un castro, algo que xa se di en documentos da primeira metade do século XVIII.

Este castro estivo relacionado casualmente cunha parte da Muralla, en concreto coa capela das Ermidas que estaba no interior da Porta de San Pedro. Para sufragar o culto que se celebraba alí, o 17 de setembro de 1749, outorgou testamento María da Portela, e deixa ao que chama «santuario y capilla de Nuestra Señora de las Ermitas, sita sobre la Puerta de San Pedro de esta ciudad», catro ferrados de centeo cos seus dereitos de propiedade que lle pagaba anualmente Marcos Picado, como así mesmo dáballe todos os bens raíces que levaba e posuía Marcos Rajal.

Os bens da capela foron incautados e poxados polo Estado en 1807. O 12 de marzo, Francisco Sánchez Vaamonde, xuíz comisionado polo intendente xeral do Reino de Galicia para a venda de bens pertencentes a establecementos piadosos na cidade e provincia, e o presbítero Pedro Corbeira, que era o administrador dos que pertencían á capela, formaron expediente resultado que eran dela quince leiros de herdade dedicados a labradío que doara con outros María da Portela, viúva de Tomé Varela, veciños de Lugo, segundo constaba no testamento, con carga de dúas misas de aniversario.

As leiras estaban situadas en distintos lugares da freguesía de San Lourenzo de Albeiros. Pero once leiros estaban na Agra do Castro, xunto ao camiño que ía a Romay de Arriba, pois ao dar os lindes da leira dise o que medía «por la cabecera que mira al castro».

Leiros

Na mesma agra había outros catro leiros, e nun deles vólvese a repetir que pola

«parte que da hacia el castro»

, limitaba cunha propiedade de Domingo de Romay. Outra das leiras estaba dentro del castro. Xa que logo este castro estaba documentado pero non catalogado por descoñecemento. O mesmo ocorreu co que ía ser arrasado pola autovía A-54 en Coeses, cuxa existencia era coñecida por todos os veciños da parroquia, o que evidencia que a catalogación é moi deficiente xa que ignora elementos de arqueoloxía maior.

Tempus fugit

Si, o tempo voa, pero en Lugo parece que non se move e que a algúns lles dá igual. Pero a min non xa que me gustaríame ver feitas moitas cousas antes de que me leven a podrecer a San Froilán. No mes de maio do ano 2010, ¡xa pasaron sete anos!, dicía nestas páxinas, que todas as actuacións que se desenvolvan no campo da arqueoloxía debían de contemplarse como un posible recurso turístico coa incorporación de novas musealizacións, que complementaría a rede arqueolóxica actual. Se se dispuxese dun proxecto para saber o que se debe facer e con que finalidade, e se todos os anos se dedicase unha partida nos orzamentos para facer unha campaña de escavación, hoxe terminariamos a número dez no castro da Piringalla e o coñecemento sobre este xacemento arqueolóxico sería ben distinto ao que temos hoxe.

Doe ter que dicilo, pero dez anos despois estamos no punto cero e así seguiremos. Isto tamén indica que se carece dun proxecto relacionado coa historia e a arqueoloxía da cidade, escrito, cos seus obxectivos e presupostado para desenvolvelo por fases.

Dispoñer en plena área urbana dun xacemento arqueolóxico destas características, con vestixios castrexos e do século I, é un elemento de singular importancia non só para o coñecemento do noso pasado, senón que tamén sería un atractivo excepcional para o turismo cultural.

Doe ter que dicilo, peor dez anos despois estamos no punto cero e así seguiremos

Xa que logo este castro estaba documentado pero non catalogado por descoñecemento