O mestre Antón Corral recibe o apoio do alumno Carlos Núñez

La Voz

LUGO

Presentan na Capelade Santa María un libro-cedé sobre a vida dun dos fundadores do obradoiro de instrumentos musicais da Deputación

27 ene 2017 . Actualizado a las 21:51 h.

Este serán, na capela de Santa María da Deputación, presentouse o libro-cedé «Antón Corral. A alborada dun soño», escrito por Fina Fernández e con fotografías exclusivas de Vicente Ansola. Na cita estivo -ademais dos autores y de cargos políticos, entre eles o presidente provincial, Darío Campos- o propio Antón Corral, un dos profesionais que participou no Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación, de onde xurdiu o proxecto Septimino de Gaitas, considerado o empuxe cara a ampla gama de tonalidades da gaita galega. O acto contou, ademais, con Carlos Núñez, artista internacional, que se formou con Antón Corral.

Corral, en palabras de Campos, é unha figura clave na historia musical de Galicia, «pois trátase dun dos mestres dun dos instrumentos máis importantes na música tradicional galega: a gaita». Lembrou que o proxecto Septimino de gaitas de Antón Corral e Rogelio Leonardo Bouza foi o empuxe definitivo cara a ampla gama de tonalidades da gaita galega. Este proxecto foi iniciado no ano 1979 no Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación. Neste obradoiro, participaron grandes profesionais, como Antón Corral, converténdoo nun referente na investigación e formación de artesáns e intérpretes.

Campos sinalou que no Centro de Artesanía e Deseño acolle unha colección punteira de Instrumentos Musicais, con réplicas do Pórtico da Gloria, «que xa estiveron presenten en concertos do artista internacional que hoxe nos acompaña, Carlos Núñez. Neste intre, estamos a desenvolver un proxecto de documentación sobre investigacións das zanfonas históricas de Galicia e instrumentos medievais co obxectivo de poñelo a disposición dos artesáns».

O libro-cedé presentado reflicte con detalle a vida de Antón Corral, dende o seu nacemento na Coruña (uns días antes do inicio da Guerra Civil) ata a recepción do premio Martín Códax (entregado en 2016 pola asociación Músicos Ao Vivo), e no que se describe ao detalle o seu paso polos distintos obradoiros de Lugo, Ortigueira, Vigo e Tui, nos que levou adiante un importante traballo de construción e divulgación da música e dos instrumentos tradicionais populares galegos. Como complemento, a obra leva dous CD de agasallo cos 26 temas gravados en Lisboa, no ano 1987, polo grupo didáctico da Universidade Popular de Vigo, que formaban parte do álbum Instrumentos musicais populares galegos, ademais dunha versión inédita e orixinal para Septimino de gaitas, gardada por Antón Corral no seu arquivo.

Os Minhotos

Tamén participaron na presentación desta obra na provincia de Lugo a escritora, o fotógrafo e o editor da mesma, Pablo Quintana; así como a Deputada de Cultura e Artesanía, Pilar García Porto, e a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre. Para pechar este acto, houbo unha actuación de Os Minhotos. Este grupo combina a estética e o gusto da formación tradicional coas harmonizacións clásicas, mesturando o son das gaitas e a percusión tradicional co timbre da zanfona, o acordeón, a requinta e o clarinete. Os cinco músicos desta formación son Alberte Castro (gaita, pandeiro, pandeireta e bombo), Bruno Villamor (gaitas, zanfona, requinta, pandeireta e tamboril), Paula Fernández (acordeón), Vitor Otero (zanfona, gaita e percusións) e Xaneco Tubío (tamboril, pandeiro, pandeireta, tixoletas, ferriño e bombo).