Un privilexio

Adolfo de Abel Vilela TRIBUNA

LUGO

22 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ademais do privilexio, non escrito, da exposición continúa do Santísimo Sacramento na catedral, a Santa Sé acáballe de conceder o da Indulxencia Plenaria cotiá e perpetua. Xa en 1896 concedéronlle a categoría de Basílica e no 2015 a UNESCO incluíuna na lista de monumentos que gozan da categoría de Patrimonio da Humanidade por estar no Camiño Primitivo, o primeiro camiño de peregrinación a Santiago que partía de Oviedo. Estas concesións, unhas de carácter relixioso e outras patrimonial, que se foron incorporando ao longo do tempo, non fan máis que recoñecer o valor espiritual, histórico e artístico do segundo monumento máis importante da cidade, logo da muralla.

A catedral é unha creación dos nosos antepasados que tomando como base a que parece que foi fermosa basílica construída na segunda metade do século VIII polo bispo Odoario, onde posiblemente tivo as súas orixes, ou polo menos a súa inspiración, a arte prerrománica asturiana, no segundo terzo do século XII iniciaron a construción da catedral románica, de maneira que hoxe podemos ver nela unha síntese dos estilos artísticos ata o século XIX.

O desenvolvemento do plan director que trata de poñela en valor, a montaxe que se está facendo da primeira fase do museo de acordo cos criterios museográficos actuais, debería de verse completada no futuro cun programa de escavacións arqueolóxicas, non só no interior para localizar a basílica de Odoario, senón tamén no atrio maior ou Praza de Pío XII, onde seguro que hai moitas cousas por descubrir. Estas cuestións mundanas tamén forman parte do acervo espiritual do home.