Menos de 80 exemplares na provincia de Lugo

La Voz

LUGO

30 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A falla dun inventario exhaustivo, en Galicia pode haber entre 800 e 1000 petos de ánimas e esmoleiros, sendo Pontevedra e Ourense as provincias cun maior número. Lugo caracterízase por ter menos (algo máis de 80), na súa maioría localizados na zona surleste, sendo Chantada o concello que ten máis.

En canto á iconografía, os petos de ánimas e esmoleiros lucenses non difiren moito da do resto de Galicia: ánimas entre lapas, Virxe do Carme, San Antón de Padua e San Francisco, ademais de San Roque, San Lázaro, sendo os dous primeiros os que se repiten con máis frecuencia, quizais por ser recoñecidos entre os devotos como avogados especialmente activos no rescate de almas do purgatorio.

Toda esta iconografía, perfectamente estruturada e resaltada, normalmente, con intensa policromía e reforzada con textos directos alusivos ás penalidades do purgatorio, ten unha función didáctica e intimidatoria coa que se busca amedrentar os viandantes para que recen, deixen esmolas ou ambas as cousas.

Di Castelao que a representación das almiñas en Galicia foi serodia, pois non se coñece ningún peto anterior ao XVIII. Non obstante, a pesar desta tardía representación, estes monumentos enraizaron ata «formar parte do acervo barroco, peculiar e diferenciado».

Son a representación popular da devoción polas «benditas ánimas» desenvolta pola Igrexa Católica a partir do Concilio de Trento e impulsada por xesuítas e franciscanos.

En Galicia, detrás deste impulso hai, di Castelao, un interese da Igrexa que, fronte á idea do inferno, no que non atopaba lucro, potenciou e exaltou a do purgatorio, acadando así non só unha devoción grande, «senón que ademais, se revelou en motivos populares de arte».