Cando o Día da Patria Galega era en Doncos, a torre sen Alba

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

a. valcarce

O monfortino Antón Valcarce foi un dos participantes na xuntanza que tivo lugar o 25 de xullo de 1981

27 jun 2016 . Actualizado a las 23:14 h.

A torre sen dono de Doncos, nas Nogais, tivo ao longo da súa historia moitos acontecementos guerreiros e señoriais, ademais de atribuírselle lendas e contos de todo tipo. Desde hai máis de dous anos non ten propietario oficial, logo de que a Casa de Alba lle dixera ao Concello que non se facía cargo da conservación do monumento porque non estaba dentro da súa extensa lista de dominios.

Pero máis de cinco séculos de vida dan para moito nun monumento deste estilo, que segue en pé de xeito milagroso tras soportar terremotos, furacáns e invernos chuviosos. Aínda así, fendas e danos ten por todas as paredes, incluída a perda do arco que cubría a torre.

Precisamente este arco existía hai 35 anos, cando un escalador se atreveu a subir polos muros de case vinte metros de altura cunha bandeira galega na man para facela ben visible. Foi o cumio dunha xornada reivindicativa, que fixeron simpatizantes do nacionalismo e da esquerda galeguista, acompañados dos veciños da parroquia, que estaban en festas.

Foi un Día da Patria Galega ben distinto aos de agora, pero que seguía o espírito dos fundadores desta festa, as Irmandades da Fala, alá polo ano 1920.

«Agora que o nacionalismo parece que necesita unha refundación, sería bo saber de onde vimos», afirma con sorriso e nostalxia o cantante e poeta Antón Valcarce, un dos que aquel 25 de xullo de 1981 participaron naquel improvisado Día da Patria Galega, e persoa que precisamente pediu ao Catastro que lle asigne a propiedade de Doncos a el como herdeiro da liñaxe que dominou a fortaleza antes do século XV. O Concello das Nogais, pola súa banda, tamén litiga por facerse dono da torre fortaleza, antes de que se veña abaixo pola falta de coidados, entre eles as evidentes fendas.

Destacadas figuras

Non sabemos se os impulsores daquela festa patriótica -na que participaron coñecidos músicos, como Tareixa Novo, ou activistas como Sonsoles Izquierdo, precursora do ecoloxismo lucense a través de Adelpha- tiñan presente que Doncos, segundo versións de historiadores, forma parte dos agravios da coñecida como «doma e castración de Galicia», co que os nobres galegos perderon as súas posesións en mans dos nobres de fóra de Galicia.

O que si está claro é que os participantes na festa reivindicativa gozaron dunha xornada de ledicia e ilusión por unha nova etapa en Galicia. Non podían dicir o mesmo os nacionalistas que ese mesmo día se manifestaban polas rúas de Compostela, nunha convocatoria prohibida que acabou a paus entre policías e manifestantes.