San Fernando: a desidia das administracións co patrimonio histórico e cultural

adolfo de abel vilela PRESIDENTE DE LUGO PATRIMONIO

LUGO

O historiador esixe que as autoridades cumpran coas súas obrigas legais

11 jun 2016 . Actualizado a las 23:30 h.

Os feitos estannos a dicir que o peor inimigo do patrimonio son as administracións que teñen o deber legal de protexelo e conservalo, unhas administracións que se mostran esixentes cos particulares pero que cando lles afecta a eles teñen manga ancha, non so para non atendelo, senón incluso para destruílo. O caso do Cuartel de San Fernando, levantado entre 1779 e 1790 polo Concello e a provincia de Lugo para Hospital de Inhábiles e cuartel, é un exemplo.

En primeiro lugar xa foi un paradoxo que o Concello, que no seu tempo foi o propietario do edificio feito cos impostos dos habitantes da provincia, llo mercase por 300 millóns de pesetas ao Ministerio de Defensa. Quizais un asesoramento histórico e xurídico competente houbese aforrado esta cantidade.

En segundo lugar, esa mesma falta de asesoramento, que na maioría dos casos precisan os políticos, e que moitas veces desprezan, evitaría que primeiro o alcalde Tomás Notario Vacas pensara en derrubalo para poñer no solar un Corte Inglés, que despois Xoaquín García Díez o destinase para inxerir nel un caixón de vidro destinado para auditorio, mutilando o edificio.

En terceiro lugar, que se catalogase e descatalogase, segundo a comenencia do político de quenda, chegándose á ridícula situación de declarar catalogada so a cornixa porque era de granito. A mesma administración que fixo isto declarouno Ben de Interese Cultural o 9 de xuño de 2009. Todo isto vennos a dicir que a protección do patrimonio, para ben ou para mal, depende da sensibilidade ou da ignorancia do político que teña a responsabilidade nesta materia, o cal é desalentador, dándose o caso de que moitas veces teñan que ser as asociacións, que non teñen medios técnicos e económicos, as que teñas que loitar nos tribunais contra unhas administracións gobernadas por políticos e funcionarios soberbios e incompetentes.

O valor da arquitectura non se mide polos adornos

Xa dixen nunha mesa redonda sobre este edificio que o valor arquitectónico no se mide polos perifoles, e dicir, polos adornos, nin polos materias, senón polo que significou na súa época, e engadín que tan edificio do século XVIII era o claustro da catedral como o cuartel, e polo mesmo podíase meter nel un cubo de cristal e venderlles as pezas sobrantes aos americanos. Por dicir iso chamáronme demagogo.

Despois da provocación expliquei que o neoclasicismo en Lugo foi introducido polos enxeñeiros militares que traballaban na construción do Arsenal de Ferrol e que traballaron aquí, principalmente na catedral.

A importancia do edificio do cuartel é que tendo enfronte unha igrexa, case que contemporánea, feita no estilo barroco polos mestres de obras que traballaban en Santiago, o Hospital dos Inhábiles tiña a mesma función que o famoso Hospital dos Inválidos de París, que era a acollida dos militares mutilados nas guerras. O Cuartel de San Fernando supón un cambio no gusto da época, e por tanto da sociedade, porque nel prima a funcionalidade e a economía, no que o adorno é a considerado como superfluo.

A pérgola do parque de Rosalía de Castro é de cemento, e cando se restaurou, un concelleiro quería substituír a armadura por pezas de granito. Recibiu asesoramento e cambiou de opinión, porque a importancia desta arquitectura está en que é unha das primeiras obras racionalistas feita en España e ademais co material que se comezaba a empregar na época, o cemento armado. Peor sorte correu o pedestal da Matrona ou da España, unha obra Art Déco, que foi vítima tamén da ignorancia municipal e desapareceu

A necesidade dun Museo Arqueolóxico

En 1986, con motivo da construción dos tres aparcadoiros nas prazas da Constitución, Santo Domingo e do Ferrol, puxo en evidencia algo que xa sabían os nosos rexedores no século XVI, que Lugo é unha cidade de orixe romana. Como non hai mal que por ben non teña, a aparición de achados arqueolóxicos, tanto arquitectónicos como doutro tipo, deu lugar a elaboración dunha normativa que obriga a facer escavacións ou prospeccións arqueolóxicas no recinto amurallado e nun sector fóra da muralla.

Isto deu lugar á creación dun servizo municipal de Arqueoloxía e a unha rede de pequenos museos ou centros de interpretación dos que os lucenses agora nos sentimos orgullosos. Pero tamén custou o seu traballo.

Pero despois de trinta anos, falta un Museo Arqueolóxico Galaico Romano que almacene, catalogue, restaure, estude, divulgue e expoña os miles de pezas atopadas. A maiores, ha hai que dicir que non estamos diante dun proceso estático, senón moi dinámico, por que cada vez haberá máis materiais. Antes de que chegasen aquí os romanos xa había aquí outros poboadores, e esa historia hai que contala, desde o paleolítico, cos achados das covas de Triacastela e Becerreá ata o mundo castrexo. Non se pode esperar medio século a que unha administración como a Xunta queira cumprir cos seus compromisos adquiridos hai case vinte anos.

O Concello e a Deputación Provincial, gobernados polo PSOE, co apoio na segunda institución do BNG, teñen que falar e poñerse de acordo para sacar adiante este proxecto inaprazable. Débese facer un proxecto de rehabilitación asumible, por fases, que se limite exclusivamente a restaurar o edificio, non a destruílo como se facía co proxecto gañador dun concurso convocado pola Xunta de Galicia, que vulneraba os principios polos que foi declarado BIC o edificio.

Unha infraestrutura beneficiosa

Neste capo non hai nada novo, xa está todo inventado. Hai que tomar como exemplo Mérida e ver como explotan o que teñen de cara ao turismo. Lugo ten unha Muralla ca categoría de Patrimonio da Humanidade, ten tamén coa mesma consideración o Camiño Primitivo e a Catedral. Pero non se lle sabe sacar partido a todo isto. Falla a promoción.

Lugo é unha cidade que vive dos xubilado, dos funcionarios e dos empregados. O comercio e a hostalería malvive debido aos recortes sufridos por estes colectivos. A creación do Museo Arqueolóxico crearía postos de traballo, e se fai ben, atraería o turismo cultural, que é o que interesa, é dicir, persoas que teñan capacidade para gastar, e polo mesmo beneficiaría a economía da cidade. A creación deste Museo hai que velo como unha infraestrutura necesaria e produtiva.

A cultura hai que vela non só como un divertimento dunhas minorías senón tamén como negocio, e os museos, como pezas importantes da engrenaxe turística, tamén o poden ser se están debidamente xestionados e montados con criterios museográficos. Polo ben do patrimonio e da cidade agardamos da sensibilidade dos nosos gobernantes unha resposta rápida e positiva.