«Polas incidencias xudiciais chegamos a impoñer normas máis restritivas que a lei»

A alcaldesa di que sigue tendo a porta aberta para a integración de Lugonovo e BNG no seu goberno


lugo / la voz

O martes cumprirase un ano desde as eleccións locais que cambiaron radicalmente a paisaxe política na cidade de Lugo. A relación de forzas mudou con respecto ao mandato anterior, pero o PSOE mantivo a capacidade de asumir a alcaldía, coa condición de obter o apoio de Lugonovo e BNG para a investidura. O cabeza de lista dos socialistas, por quinta vez, José López Orozco, non conseguiu o respaldo necesario, debido a ser investigado na operación Pokémon; tivo que renunciar e a alcaldía foi caer en Lara Méndez (Suíza , 1972), que acababa de desembarcar no campo municipal procedente da vicepresidencia da Deputación. Méndez, no primeiro aniversario das eleccións de 2015, avalía o traballo feito, expón as claves para os próximos meses e admite que non foi fácil facerse coas rendas do Concello (o goberno ten 8 dos 25 concelleiros que conforman a corporación). Di que mantén a porta aberta para a integración de Lugonovo e Bloque Nacionalista no goberno local.

-¿Xa conseguiu superar o susto de verse na alcaldía?

-Máis que superar o susto, a cuestión é familiarizarse con esta Administración, facerse cos servizos, adaptarse ao novo mapa político. É algo do que non todo o mundo é capaz. Vese noutras cidades. Pese a fragmentación política, nese senso fixemos un bo exercicio, que, por exemplo, supuxo a aprobación do orzamentos. Eu creo que trasladamos á cidadanía a mensaxe de que temos capacidade de chegar a acordos.

-A situación actual é moi complicada en numerosos frontes...

-Agora temos sentadas as bases. Iso está feito; é un traballo que non se ve, que non luce, que é engorroso. Pero esas bases permitirannos traballar con axilidade de agora en diante, poderemos facer un traballo que xa se visualizará.

-¿Canto pesa a herdanza de Orozco? ¿Canto no bo e canto no malo?

-Tiven a sorte de recoller unha gran herdanza de 16 anos de goberno socialista, nos que as políticas sociais foron o eixo principal.

-As incidencias xudiciais procedentes dos mandatos anteriores teñen repercusión nesta Administración..

-Si, repercuten moito no funcionamento desta administración local e na vida da propia cidade. Por esas incidencias chegamos a impoñer normas máis restritivas que a propia lexislación. Hai medo a cometer erros e isto é negativo, porque dos erros apréndese.

-Parte da «herdanza» son servizos nos que os contratos das concesións finalizaron hai anos e as empresas seguen facendo o traballo e cobran contra factura. É unha situación anómala e non acaba de ser corrixida...

-Esa é unha parte dese traballo que digo que temos feito, das bases que temos sentadas para que situacións así no se volvan dar. Queremos evitar que venzan os contratos sen ter preparados as novas convocatorias. Algúns deses servizos xa teñen contratos actualizados; noutros estamos traballando. De feito, para dous dos principais, as plantas potabilizadora e depuradora de augas, os pregos de condicións serán aprobadas nunha das próximas xuntas de goberno.

-¿Haberá novos intentos para que entren no goberno os concelleiros de Lugonovo e Bloque Nacionalista?

-Non se trata de intentar ou non intentar. A porta sigue aberta, como dixen xa varias veces; nunca a pechamos. Con oito concelleiros e dous deles sen dedicación exclusiva é complexo gobernar un Concello como este; temos macroáreas de goberno.

-As cuestións de persoal constitúen un dos campos nos que o seu goberno ten máis problemas...

-Teño que volver o das bases que sentamos neste primeiro ano. Levamos tempo traballando, non só para cubrir prazas de reposición, senón para facer unha boa diagnose das necesidades, para prestar servizos de calidade, especialmente no caso dos que estamos obrigados a prestar. Neste sentido, sacaremos adiante a nova relación de postos de traballo, a partir do esforzo xa feito anteriormente e dos recursos económicos destinados a este fin.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

«Polas incidencias xudiciais chegamos a impoñer normas máis restritivas que a lei»