O noso rouco son

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

03 may 2016 . Actualizado a las 10:36 h.

Segundo proclama o noso Himno, por boca de Pondal, «Só os iñorantes, e féridos e duros, imbéciles e escuros, non nos entenden non», para diferencialos dos «bos e xenerosos» que «a nosa voz entenden, e con arroubo atenden o noso rouco son». A saber, pois, o que teremos que facer nós, os sufridores votantes, cos que non entenderon a nosa voz rouca do pasado decembro nin os lamentos sucesivos, e deixaron pasar catro lastimosos meses perdidos para chegar á conclusión de que non sabíamos o que facíamos.

Houbo un longo tempo no que a regla básica do comercio era o respecto pola caixa rexistradora do negocio, proclamándose que «a caixa era menor de idade» para evidenciar o respecto absoluto que había que ter cos caudais que nela entraban. Con arreglo a aquela vella e sabia regla, o voto tamén é «menor de idade» a efectos de respectalo, pero soberano e absoluto como expresión do sentir popular. E sen embargo, por parte de todos, o resultado foi unha irrespectuosidade manifesta do expresado.

Como froito deste tempo baldío temos a lexislatura máis breve e inútil da nosa historia democrática, e a necesidade de repetir votacións por se non estaba clara a nosa opinión, por se o pensamos mellor, por se recapacitamos? por se nos veu un sentidiño que parece que non se nos recoñece. Ata aquí chegamos. Ata aquí chegaron. Que polo medio hai xente moi honorable?, claro que si!!!. Se o difícil é separar o gran da palla, neste caso é diferenciar as individualidades do conxunto. Que o cabreo non nos impida ver claro o futuro.