Pallasos en Rebeldía celebra unha xornada a favor das refuxiadas

La Voz

LUGO

Haberá unha gala este venres na Deputación coa participación de Leo Bassi, Anxo Moure, Rudi Dudi, Lois Pérez, entre outros artistas

13 abr 2016 . Actualizado a las 19:02 h.

O colectivo solidario-artístico internacional Pallasos en Rebeldía xunto coa Área de Cultura da Deputación de Lugo presentaron este mércores a Sala de Exposicións da Deputación de Lugo a Xornada de Sensibilización sobre as Refuxiadas que celebrará o venres en Lugo. A Sala de Exposicións do edificio da Deputación de Lugo, será o lugar no que se desenvolverán as actividades, de libre acceso ata completar o aforo,  «orientadas a que a cidadanía tome unha maior conciencia da crise humanitaria, política e territorial da que todos formamos parte e que están a sufrir millóns de persoas refuxiadas nas fronteiras europeas», tal e como sinalou na rolda de prensa Fran Rei, membro de Pallasos en Rebeldía.  

A Xornada reunirá activistas pro-refuxiadas e artistas galegos e internacionais enraizados en Galicia, «nunha mostra de diversas disciplinas artísticas e de multiculturalidade e convivencia de culturas», como destacou na presentación Xosé Ferreiro, delegado de Cultura da Deputación de Lugo.

O venres Pallasos en Rebeldía estreará na Xornada a exposición fotográfica «Risas contra Muros» que recolle o seu labor de apoio ás familias de refuxiadas do campamento de Idomeni, na fronteira heleno-macedonia, desenvolvido do 8 ao 10 de marzo. Exporanse unha escolma dunha ducia de fotografías do fotógrafo Carlos Cazurro, colaborador asiduo do colectivo solidario,  «para seguir coa denuncia das políticas migratorias da UE, inhumnas e ilegais», tal e como explicou o artista galego Rei.

A xornada dará comezo ás 18.00 horas con actividades para nenos e nenas. A primeira delas será a actuación do artista belga-galego Rudi Dudi co seu espectáculo de música e malabares «Rastafarudi». Ás 19.00 horas o escritor lucense Anxo Moure recitará os seus «Contos Solidarios» e ás 19.30 horas a agrupación senegal-galega Mbolo Mooye Doolè (-a ritmo de corazón, en senegalés-) brindará aos máis cativos un obradoiro de percusión, danza e música africanas baseado en habilidades sociais coma a empatía e a tolerancia.

O acceso do público ao Pazo de San Marcos estará dinamizado pola compañia Lucecus Teatro que realizará unha performance na entrada simulando un Check Point da man de autoridades policiais fronterizas. Ás 20.00 horas celebrarase un espazo para o debate tralas charlas da Paula Fernández Branco, doutoranda da USC e membro de BDS Galiza, e a lucense Pilar González, activista pro-refuxiadas.

O colofón final da Xornada de Sensibilización sobre as Refuxiadas será a Gala Solidaria polas refuxiadas, que será presentada polo lucense, Lois Pérez, poeta e dramaturgo, a partir das 21.30 horas.  A gala contará coas actuacións do activista italiano Leo Bassi, colaborador habitual de Pallasos en Rebeldía; a humorista galega Isabel Risco; a compañía galego-arxentina de maxia e clown Cía. MundoMandarina;  Zercalo (banda conformada polo acordeonista e cantante bielorruso Vadim Yukhnevich, e o lucense Totó Barreiro, á guitarra española); e ao remate,  Alou  Tama, unha agrupación musical senegal-galega de voz e percusión.

Na actualidade, Pallasos en Rebeldía está a organizar a terceira caravana de pallasos para continuar coa súa campaña de denuncia das políticas migratorias da UE para o que segue a recibir doacións de entidades e particulares no seguinte número de conta habilitado para á causa das refuxiadas: ES13 2100 4333 1502 0005 4202.