Un coche desfíxolle o carro «e non me matou a min e á muller de casualidade»

La Voz

LUGO

28 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A propósito do accidente do camión das vacas do cruce do Picato, Hilario conta que el e o seu carro tamén tiveron un serio contratempo fai agora uns quince anos moi cerca do sitio onde o outro día envorcou o vehículo que transportaba ás reses.

«Estaban arranxando a estrada. A muller estaba no carro e eu parado ao lado del votando un charuto. Veu un turismo petou contra del e tronzouno ao medio. ¡E grazas que non me tronzou a min e a muller! E aínda así, durante catro meses tiven que ir ao hospital. Veume buscar unha ambulancia á casa», contou Hilario Rodríguez.

Este veciño de Monte de Meda conserva como un tesouro as fotos que lle fixeron do carro e das dúas vacas que tiña daquela. Eran a Paloma e a Retina. «Esta estaba preñada de sete meses e tívena que vender debido ao golpe do coche. Foi unha grande perda, pero foi mellor que non nos pasara nada a nós», contou o dono.

O carro quedou moi esnaquizado. Hilario tivo que reconstruílo, facéndolle moitas pezas. «Aínda o ano pasado lle cambiei o eixo», recordou. Agora gárdao nun alboio próximo á casa. «Nalgún momento -advirte- volvo a saír con el». A ilusión que non falte.

De vendelo, nada de nada. «Aínda estoutro día viñeron preguntándome se sabía de cantas pezas se compoñía», recordou. «¿E de cantas?», pregunto. «Cento e pico, entre pequenas e grandes», destaca Hilario.

Na casa de Hilario e de Élida, o carro nunca chegou a ser desterrado polo tractor. «¡E como cre que podíamos telo. Son caros e eramos trece bocas para manter!», advertiu o octoxenario de Cabanas-Monte de Meda que di que a idade non ten que supoñer un afastamento da terra que traballou.