A campá de 2.500 quilos que toca muiñeiras, xotas e tamén a morto

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá MONDOÑEDO / LA VOZ

LUGO

PEPA LOSADA

Das arredor de 90 catedrais que hai en España só a de Mondoñedo conta con campaneiro propio

22 dic 2015 . Actualizado a las 21:29 h.

Valentín Insua Palacios leva subindo ás torres da catedral de Mondoñedo dende os oito anos, Seus tíos e seu pai foron campaneiros. El con 55 anos, mantén a tradición familiar e introduce xa a seu cuñado neste arte de facer falar ás campás.

-Un experto dicía hai días que a de Mondoñedo é a única catedral das 94 que hai en España que ten campaneiro propio.

-Si. Na de Valencia tíñanas electrificadas pero hai uns anos una asociación conseguiu quitar a electrificación e agora se turnan e vanas tocar. Teñen unha páxina web importante, Campaners, pero eles son unha asociación, aquí en Galicia estou eu e nada máis e en España practicamente o mesmo. Veu un señor de Campaners e xa me dixo que só ás tocaban á mao en tres sitios en aquel momento, unha delas era aquí.

-Como se mantén isto?

-Por tradición, non queriamos que se terminara. No meu caso, cando faleceu meu pai xa lles dixen no cabido que si podía seguir tocándoas seguiría eu. Era un hobby, eu non cobraba, agora si, levo case ano e medio traballando na catedral, pero naquel momento para min era como ir xogar un partido de fútbol ou ir en bicicleta, era un hobby, unha tradición que non quería que morrera e morren si se deixan de tocar ou se electrifican.

-As campás teñen a súa linguaxe.

-Si, si si. Hai moitos toques; o das campás é un mundo. Hai uns anos aquí fíxose un concerto e tocaron cerca de 40 campás no pobo, en cada campanario de igrexa e da catedral había un campaneiro, con músico e partitura para darlles entrada. Foi marabilloso. Sempre falo dos vellos campaneiros; aquí en Mondoñedo, hai un tal Eloi, que é familiar meu, que pode tocar muiñeira ou unha xota nas campás, é algo espectacular, digno de escoitar. Eu perdín moitos dos toques, pero este señor, que ten máis de 80 anos, tócache calquera historia. Están feitas principalmente para o relixioso, pero tamén significan musicalidade, tocar a incendio, a morto, a festa, significa tocar tantas cousas que é difícil dicilas todas; a anxo...

-Antes a xente entendía o que falaban.

-Hoxe aínda entenden o significado. Aquí a tradición sigue e saben si están tocando a morto ou agonía. Cando é toque de festa xa o ten identificado, e si é morto, sábese ei é un home, unha muller... (...)

-Vostede é o único campaneiro da catedral.

-Agora venme axudar meu cuñado. Tamén lle gusta e metino neste embolado; si eu non estivera el sabería moitos dos toques que hai. Venme axudar cando volteamos as campás. Sobre todo en festas importantes ou momentos especiais. Temos que voltear tres campás grandes. Faise unhas 15 ou 16 veces ó ano. Aquí hai toque coa corda, pero o máis bonito é o volteo porque aí hai que voltear a pelo unha campá de 2.500 quilos que che está pasando polo teu lado e ti empuxando continuamente, estás case debaixo dela e víndoche encima. É un momento de subidón de adrenalina.

-Fala da Paula; é a campá con nome propio, non?

-Si, si, si. É o símbolo de Mondoñedo; cando eu era máis novo e íamos xogar ao fútbol, a Foz, Burela, Viveiro nos dicíanos, ?veñen aí os da Paula?. Incluso os escritores aquí sempre falan desa campá. O seu son, sobre todo, é o que envolve está cidade máxica

-É a máis grande.

-Si pesa, 2.500 quilos. Ten outra particularidade e as súas historias. Esta é a quinta Paula que existe. Esta última creo que é de 1855, porque as outras foron rompendo. O badalo nas outras son de ferro, pero nesta é de madeira, agás o que golpea, porque dicía a tradición que cando tiña o badalo de ferro podía romper os cristais das fachadas da propia praza. Dicíase ?A Paula co seu badalo escoitaríase en Portugal?.

-Non é perigoso?

-É perigoso. Hai que ter moito coidado; a campá xira os 360 graos e en cada xiro que da tes que empuxar en tres sitios distintos, na madeira, que é o cepo, nun ferro que lle sae dela e na boca, tes que estar moi atento, porque poderías ter problemas. A Paula sempre a toca agora mesmo meu cuñado, Jo, José Ángel. É máis novo, máis forte. Cando el a toca é mais espectacular porque vai moito máis rápido. Eu toco as outras dúas, a Prima e a Ronda. Esa é outra historia, porque teñen nomes máis complicados; a Prima é María Jacoba Concepción e a Ronda é Ronda Rosenda María Natividad. Todas están bautizadas; a Paula é Paula de la Asunción.

-Teñen data de caducidade os campaneiros?

-Non. Aquí exceden os 70 ou 80 anos.

«Para min tocar as campás era como ir xogar ao fútbol ou ir en bicicleta, era un hobby»

«Aquí hai un campaneiro que che pode tocar unha muiñeira ou unha xota»