O coro que gravou o himno galego

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

OUVIRMOS

Un libro, concertos e unha exposición para lembrar a Cántigas e Aturuxos

04 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O 12 de outono de 1915 nacía en Lugo, vinculado ao Orfeón Antoniano dos padres franciscanos, o Coro Cántigas e Aturuxos. Con motivo desta data a editorial Ouvirmos e a Deputación organizan varios actos que lembrarán a importancia deste conxunto na historia cultural da cidade. Haberá concertos de corais este e o vindeiro mes, unha exposición no Centro de Artesanía a partir do día 19 e, hoxe mesmo, a presentación dun libro-cede, con vinte temas, elaborado polo estudoso Ramón González. Será ás oito do serán na Deputación Provincial.

Este investigador, que de xeito altruísta pescudou en arquivos para rescatar a memoria do coro, define a Cántigas e Aturuxos como «o primeiro coro de certa entidades que houbo en Lugo, e independentemente da súa calidade musical, que ese podería ser outro debate».

González lembra que apenas uns anos despois de arrincar houbo unha escisión «por un desfalco de 2.000 pesetas e por problemas políticos, xa que chega á dirección un home vinculado ao nacionalismo, Antón Prado». É nesta etapa cando hai dous feitos que marcarán a súa historia. Por un lado pechan cunha actuación a Asemblea Nazonalista de 1918 e por outro van a Barcelona a gravar un disco para a Compañía del Gramófono, onde gravan o himno galego, «a primeira gravación da que se ten constancia física do himno», sinala González. Precisamente esta histórica peza forma parte do disco que hoxe presenta o autor e Ouvirmos na Deputación, así como temas de Lugo e da zona sur.

Un dos aspectos máis significativos do coro foi que na súa dirección chegaron a confluír diferentes tendencias políticas, tan antagonistas como socialistas, nacionalistas ou conservadoras. E tivo dous presidente de honra moi especiais, Calvo Sotelo, na súa etapa máis rexionalista, e o sacerdote e líder agrario Basilio Álvarez. Pero ademais houbo persoeiros vinculados a Cántigas e Aturuxos, como o gravador Manuel Castro Gil ou Evaristo Correa Calderón, cos que nos inicios dos anos vinte organizan as festas de San Froilán. Tamén nesa época fan dúas viaxes, unha a Madrid en 1917 e outra a Santander en 1920, onde tocan ante Pardo Bazán e o rei Afonso XIII.

Coa chegada da República, sinala González, mudan os gustos e aparecen estilos musicais que deixan á marxe ao coro, aínda que no franquismo volveu a recuperar. En 1948 desaparece ao integrarse con Frores e Silveiras, e nace Cántigas e Frores. Atrás quedan máis de 500 persoas que formaron parte deste mítico coro.

homenaxe centenario dun grupo chave na música lucense