Os emigrantes, promotores de obras e de festas na Terra Chá

Os cartos chegados de América serviron para iniciativas moi variadas

A mellora do camiño de Lanzós a Vilapedre preocupaba aos indianos
A mellora do camiño de Lanzós a Vilapedre preocupaba aos indianos

vilalba

Nesta comarca da Terra Chá adoita verse nas escolas habaneiras un símbolo do capital que veu de Cuba. É certo. Pero de indagarmos algo máis saberemos que non foi todo o aporte realizado. Os cartos que viñan de alén do mar traían destino e estaban nas miras de moitos para cubrir unhas necesidades parroquias, polo tanto comunais, que os recursos do país non permitían afrontar.

Ao ler a prensa local que vai de 1908 a 1931 observamos que certas noticias de festas e homenaxes hai que asumilas como agradecementos dos que foron a Cuba e dos que quedaron.

Se cadra o caso de Cosme Sacido foi un arquetipo. Integrante da Liga Santaballesa, membro da Unión Villalbesa, fundador en 1913 da sociedade Progreso de Lanzós, incansable traballador en pro das colectividades chairegas e magnífico orador, chegou de Cuba en xuño de 1916 portando 477 pesos-ouro e 419 pesos-prata con destino á construción da escola de Lanzós. Con tal motivo foi recibido na Coruña e homenaxeado na afamada casa vilalbesa de don Ángel Rego ao día seguinte.

Pero tamén o vemos seis meses despois fundando a sociedade Juventud Agraria de Lanzós, que tiña como obxectivo, entre outros, desterrar o ter gando posto. E anos máis tarde, xa en 1925, promoveu unha subscrición veciñal para que o camiño que unía Lanzós con Vilapedre fose transformado en estrada de pedra.

Igrexas e santuarios tamén foron obxecto de atención dos que regresaban con fortuna. Na parroquia de Santaballa, en novembro de 1908, inaugúrase a rehabilitación da capela de Bordelle cunha nova imaxe de Santiago de a cabalo e disque ao evento asistiron dúas mil persoas. Edorardo Gato, que acababa de retornar, pagou dous días de festas nesta capela en 1923.

En 1928 foi Domingo Gato López quen se fixo cargo das de San Xoán e José Saavedra das de Santiago. En 1925 Jesús Rego Montero, de humilde familia, pagou as de Santo Cidre. En 1922 a Liga Santaballesa enviou 303 pesos, o equivalente a 325 ferrados de trigo, para pagar o amaño do cemiterio e do adro da igrexa.

Ofrecementos

Estas intencións, baixo as que se agachaban ofrecementos devotos, tamén se daban noutras parroquias. Sabemos que en 1928 as festas de Gaibor foron sufragadas por Daniel Rifón e os seus irmáns e que ese mesmo ano as de Cazás correron a cargo de Francisco Vázquez Cazón. En 1926 son os habaneiros Hijos de Candamil os que envían 131,50 pesos para construír un cemiterio parroquial.

En 1930 Andrea Fraga López, esposa do tamén incansable José Cuba Restrebada, fixo doazón dunha coroa de ouro á Virxe que se venera na igrexa de San Simón da Costa.

Apoio a sindicatos

Aínda hai máis que se debera rescatar do esquecemento. Trátase das achegas que viñeron para que os sindicatos agrarios católicos nacesen, contasen con locais e potenciasen a economía das parroquias. Case cen anos despois aínda hai algunha destas organizacións que, con outro nome, perdura no tempo.

Mercar sementes e abonos ou mellorar a maquinaria e utilizala en común supuxo un avance notable nos cultivos. E igual o asegurar o gando, que era a riqueza dunha casa. Pero de todo iso talvez falemos outro día.

crónica histórica a pegada da emigración nos comezos do século pasado

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Os emigrantes, promotores de obras e de festas na Terra Chá