A escritora Marica Campo recolle en Láncara o premio Facer País

O galardón recoñece a súa contribución cultural desde os libros e as aulas


SARRIA / LA VOZ

A escritora Marica Campo recolleu onte en Láncara o premio Ramón Piñeiro Facer País, o galardón anual que outorgan once asociacións culturais a persoas ou colectivos que se distingan da defensa da cultura galega. A escritora agradeceu este recoñecemento e deixou escrito no libro de honra do Concello de Láncara o seu desexo de que o premio lle «sirva de estímulo para practicar, de verdade, os valores» que o xurado lle atribúe.

Autora de tres obras de teatro, catro libros de poemas, cinco novelas e numerosas colaboracións en obras colectivas e medios de comunicación, esta profesora nacida en 1948 no Val do Mao (O Incio) foi elixida para recibir o premio da edición número trece do Facer País pola súa contribución á cultura, tanto desde os libros como desde as aulas. Na entrega do premio, o concelleiro de Cultura de Láncara, Andrés Cabaleiro, glosou a «a actitude comprometida de Marica Campo e a súa contribución para soster o galego como lingua vehicular».

Como todos os anos, os actos da entrega do premio empezaron a media mañá na casa do Concello, na Pobra de San Xiao. Coa convidada sentada ao seu lado e o salón de plenos cheo de público, o alcalde, Eladio Capón, deulle a Marica Campo a benvida a Láncara e pediulle que asinase no libro de honra. A recepción oficial na casa consistorial rematou co cantautor Miro Casabella interpretando tres cancións dedicadas á homenaxeada. A continuación, todos os presentes se desprazaron dez quilómetros ata a Casa Grande de Láncara, o establecemento de turismo rural desa parroquia. Tras un aperitivo, celebrouse na cercana ponte de Carracedo a entrega oficial do premio, presentado polo xornalista Kiko Novoa. Os actos remataron cun xantar ao aire libre xunto á vella casa consistorial.

Un traballo colectivo

O premio Ramón Piñeiro Facer País é unha iniciativa da asociación cultural Val de Láncara, que na selección do homenaxeado conta sempre coa colaboración doutras entidades da comarca de Sarria. De feito, nos actos de onte estiveron membros de diferentes colectivos culturais e sociais da zona, ademais de representantes institucionais, políticos e do mundo da cultura. Entre outros, a Láncara acudiron onte para arroupar a Marica Campo os escritores Paco Martín e Adela Figueroa, as investigadoras e ensaístas Pilar e Carme García Negro e representantes políticos e institucionais como Xavier Vence, Mario Outeiro, Cosme Eladio Pombo ou Regina Polín.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

A escritora Marica Campo recolle en Láncara o premio Facer País