Orozco: «Díxenlle a Besteiro que pensara en presentarme e díxome: 'Adiante'»

Miguel Cabana
miguel cabana LUGO / LA VOZ

LUGO

Xosé López Orozco asegura que se sinte cómodo na vida municipal.
Xosé López Orozco asegura que se sinte cómodo na vida municipal. carlos castro< / span> < / span>

O alcalde lucense declaróu ante a xuíza De Lara hai un ano que non se presentaría

23 sep 2014 . Actualizado a las 09:00 h.

Xosé Clemente López Orozco di que ten tanta gana de presentarse para alcalde de Lugo como a primeira vez, hai xa quince anos. Non falta no PSOE quen opina que era un momento perfecto para a renovación, pero se el quixo volver a presentarse, ninguén lle ía dicir o contrario ao presidente de honra do PSdeG. Ademais, sigue sendo o candidato do PSOE con máis posibilidades en Lugo porque ningún outro ten a súa experiencia nin é tan coñecido. So o secretario xeral dos socialistas, Xosé Ramón Gómez Besteiro, podería ser un candidato á súa altura, pero ese debate non chegou a producirse porque Orozco deu un paso adiante.

-Despois de catro mandatos, gobernando en minoría e sen pacto, e pendente de varias imputacións xudiciais, sorprendeu a súa decisión porque podía ser o mellor momento de deixar paso.

-Os que me coñecen saben da forza e das gañas que teño. E ademais, en política todo é pacto, así que non creo que eles estean moi sorprendidos.

-Vostede díxolle á xuíza De Lara hai un ano durante o interrogatorio que era o seu último mandato. ¿Era unha estratexia ou cambiou de opinión?

-Cambiaron as circunstancias. Máis ou menos pensaba non presentarme naquel momento, pero cambiaron as circunstancias políticas e económicas que vive Europa, España e Galicia, onde a dereita está pensando unicamente nos intereses duns poucos. Tamén a situación da crise económica en Lugo, xa que non se percibe por onde ten que ir a nosa economía. E en terceiro lugar, a situación da política en xeral tras as eleccións europeas, onde se está vendo certo desacougo e incerteza dos cidadáns. Agora precísase ter gañas, ilusión, experiencia e sentido común e eu creo que podo aportalas.

-Hai quen pensa que lle está complicando a labor a Besteiro se vostede acaba indo a xuízo por algunha das imputacións.

-As responsabilidades sempre son persoais e de cada un. Ademais, están máis preocupados os xornalistas das miñas imputacións ca min. Como teño tan claro que son inocente, a Xustiza non poderá dicir outra cousa.

-Houbo un tempo que parecía que lle daba paso á concelleira de Economía, Sonia Méndez, e despois ao portavoz, Luis Álvarez, pero nos últimos meses volveu vostede a recuperar o protagonismo, dando a sensación de que quería ser candidato. ¿Houbo intención de poñer a Luis Álvarez?

-Nunca se chegaron a barallar esas posibilidades porque aquí non hai sucesores nin herdeiros. Son as bases quen elixen aos candidatos. E non era por falta de prazos, porque había tempo de lanzar un candidato xa que as primarias do partido son o 30 de novembro e sería o momento de facelo. E aínda moito máis se fose un dos concelleiros actuais, que xa sería máis coñecido. Eu ganei unhas primarias e non era membro da corporación. Isto é cuestión de traballo e de ganas, e eu téñoas como a primeira vez.

-Pero véselle menos pola rúa, e incluso da a sensación de que non vai a certos lugares para evitar a contestación social.

-Pois non. Nada me gusta mais que a vida municipal, non me cansa falar cos veciños e arranxar problemas. Igual me come mais tempo o despacho, e non comuniquei tanto, pero os veciños saben que estou polas parroquias. E coa crise actual, tamén pasa moita xente polo despacho cada día. Pero voulle dar unha primicia para que vexa que isto é o que me gusta. En 1989, sendo delegado provincial de Cultura da Xunta, ofrecéuseme ser senador do partido, e non quixen. Preferín pelexar nunha asemblea para ser candidato, e perdín. E agora, máis recentemente, ofreceume Pachi Vázquez ser senador por Galicia, cando nomearon á alcaldesa de Silleda, e tampouco quixen. Dúas veces me ofreceron estar no Senado, pero prefiro a vida municipal.

-Din os que o coñecen que non lle apetecía marchar estando imputado, porque parecería unha fuxida.

-Pois non é así. Aínda que despois de tanto saír nos periódicos por iso, como se fora o máis importante da miña etapa de alcalde, o feito de ser inocente tamén me deu forza para querer repetir.

-Se vostede tiña intención de presentarse, sorprende que tivese ata tres reunións con Besteiro.

-Na última semana foi a decisión final, despois da reunión co grupo, con Xosé Ramón e coa familia. No último encontro díxenlle: mira pensei en presentarme. E el díxome: ??pois adiante??. Xosé Ramón sempre veu ben que me presentara pero deixaba que a última decisión fora a miña. Ninguén é imprescindible, e xa aparecería un candidato, como cando me presentei eu, pero creo que podo aportar ilusión, experiencia e sentido común.

-¿Que lle queda por facer para o próximo mandato en Lugo?

-O gran problema é o paro, e o traballo solo o pode crear a iniciativa privada. ¿Como podemos poñer a Lugo no mapa da inversión? Temos una cidade con bos servizos, boas comunicacións terrestres e en novas tecnoloxías, e xente preparada. Hai que amosar isto para convencer á iniciativa privada de investir aquí. Outro gran problema é o envellecemento da poboación: o 25 % da cidade é de xubilados, e os novos están marchando. É moi serio. O medio ambiente e a nosa gran vantaxe, pero temos que conseguir poñelo en valor.