Rosendo, Los Suaves, Costas e Tregua abrirán o San Froilán co Muralla Rock

lugo / la voz

LUGO

PABLO ARAUJO

Os concertos serán no Pazo de Feiras o día 3 e xa se poden mercar entradas

27 ago 2014 . Actualizado a las 07:06 h.

A concelleira de Cultura, Carmen Basadre, xunto a Ruben López, xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, e Juan López, da Asociación Galicia Vella, presentaron onte o Festival Muralla Rock 2014, co que dará inicio as festas do San Froilán. O festival terá lugar o venres 3 de outubro a partir das 19.00 horas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e contará coas actuacións dos grupos Los Suaves, Rosendo, Costas e Tregua.

Basadre explicou que «volvese a recuperar unha idea que tivo moito éxito hai anos co Muralla Rock e co que agardamos que veñan moitos seguidores do rock a coñecer a nosa cidade, a gozar dos concertos e así dar inicio ás festas do San Froilán». Como sinalou un dos organizadores, Juan López, agárdase un aforo próximo ás 6.000 persoas que gozarán dende as sete da tarde de boa música e varias sorpresas ao longo do concerto. En canto ás entradas, as primeiras 1.000 xa está á venda a través da web www.murallarock.com e a partir do venres en www.taquilla.servinova.com, a un prezo de 10 euros. A partir desas 1.000 primeiras entradas pasarán a ter un prezo de 12 euros e en taquilla serán de 15 euros.

Os grupos participantes son emblemas da música rock nacional e galega como son Los Suaves, que obtivo múltiples recoñecementos ao longo da súa carreira e con trece discos publicados. No ano 2013, gravaron o álbum en vivo Gira de los mil concertos e o recopilatorio No puedo dejar el rock.

Tamén estará Rosendo, que ademais dará comezo con este concerto dentro dunha xira por España promocionando o seu décimoquinto álbum Vergüenza torera. No Festival tamén actuará Costas, Miguel Costas, membro fundador de Siniestro Total, Aerolíneas Federales o Los Feliz e que presentará o álbum Alguien tenía que hacerlo. Pecha o cartel a banda da Coruña, Tregua, que naceu a principios do 2008 e que estará promocionando o seu disco Luces e Sombras.